Redacción •  Galicia •  29/06/2016

ALEAS-EU insiste na necesitade de crear unha unidade de acción entre os colectivos e os activistas LGTBI

Este 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGTBI, se conmemoran os disturbios de Stonewall de 1969 en New York. Un ano máis, miramos cara o noso pasado e sentimos non só Orgullo da nosa identidade, senón tamén Orgullo da nosa historia, orgullosas e orgullosos de onde vimos e cara onde vamos.

ALEAS-EU insiste na necesitade de crear unha unidade de acción entre os colectivos e os activistas LGTBI

Son moitos os espellos nos que mirarse. Moitos referentes que loitaron antes e outros que siguen loitando por un mundo para todas e todos, respectuoso coa diversidade e con admiración pola beleza que iso significa, un mundo plural. Pero tamén é moito o traballo que queda por diante, xa que as agresións van en aumento e aínda que os pasos dados non son en vano, quédanos moito polo que pelexar e seguir na rúa.

Dende a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU) non podemos máis que seguir insistindo en dous eixes: a búsqueda do compromiso institucional real en canto á loita e conquista de dereitos LGTBI, e a búsqueda dunha maior unidade dos colectivos e activistas LGTBI, unha unidade de acción dende a diversidade que nos caracteriza, seguindo o gran exemplo do movemento feminista galego e do nacemento da Plataforma Feminista Galega.

Unha maior unidade mobilizadora non só nos permitiría consolidar os avances acadados, senón incluso profundizar neles, algo necesario no xa máis que coñezido exemplo da Lei 2/2014 do 14 de Abril de Igualdade e non Discriminación LGTBI do goberno da Xunta do PP, a cal quedou baleira de contido coas súas enmendas e agora, unha vez aprobada, apenas ten uso.

Unidade LGTBI, para comezar, aínda sen obviar o que vén despois, maior coordinación entre os movementos feministas e de liberación sexual galegos, así como a colaboración e apoio entre outros espazos, de cara a unificar loitas e conseguir mudalo todo.

Por último, nun ano no que está de actualidade a dura realidade das persoas refuxiadas, non debemos esquecernos de todas as refuxiadas LGTBI que son perseguidas no mundo, en países onde se as segue a matar, por exemplo, Arabia Saudita, Emiratos Árabes Unidos, Irán, Mauritania ou Iemen.

 

Dende ALEAS-EU sempre defenderemos esta idea, a necesidade de seguir sumando, de seguir aumentando alianzas, de facer músculo para poder seguir avanzando. Unidas somos máis fortes, unidas só podemos vencer!


LGTBI /