En Marea •  Redacción •  Galicia •  24/06/2016

Xabier Ron critica o baleiro creado polo PP con respecto ás políticas públicas culturais e a xestión «totalmente neglixente» dos parques arqueolóxicos

O voceito de Cultura do Parlamento galego reuníuse esta mañá con representantes do mundo da Cultura formando parte dunha delegación de En Marea, no que tamén participaron os tres concelleiros do ramo dos concellos de Santiago de Compostela (Branca Novoneyra), A Coruña (Xosé Manuel Sande), e Ferrol (Suso Basterrechea). No acto, presentado pola arqueóloga María Xosé Bóveda, tamén asistiron a escritora Marilar Aleixandre, a xornalista Comba Campoy e o Presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares.

Xabier Ron critica o baleiro creado polo PP con respecto ás políticas públicas culturais e a xestión «totalmente neglixente» dos parques arqueolóxicos

Na súa intervención, Xabier Ron centrouse na situación actual provocada polo Partido Popular. «Asistimos a un auténtico baleiro no tocante a políticas públicas culturais sometida ás leis do mercado, o que fai que á cidadanía quede afastada, relegada no dereito ao acceso da cultura» -afirmou-.

«O PP o primeiro que fixo foi reducir un 70% o orzamento para á cultura, o que deixa clara a intención do PP, que é ir privatizando de xeito absoluto o que eles consideran algo secundario, prescindible na vida da cidadanía» -aseverou-.

O tamén membro da dirección de Esquerda Unida (EU) e deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) sinalou tres elementos claves como son o patrimonio histórico, natural e cultural, que están a ser sometidos «as leis do desleixo» favorecidas polo PP, coma o que está a pasar no caso dos parques arqueolóxicos cunha xestión «totalmente neglixente», en clara referencia á situación do Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate ou a do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro.

«Temos o que aconteceu no Castelo de Monterrei -insistiu Ron-, sometido ás leis do mercado, transformando o que era un ben de uso público a un uso mercantil afastando á cidadanía do seu dereito fundamental a gozar dese ben. Iso todo é o que temos que recuperar, o dereito á cultura. O 26 de xuño por iso hai Marea e transformaremos esta realidade» -rematou-.


AGE /  Alternativa Galega de Esquerda /  Cultura /  Dolmen de Dombate /  En Marea /  Esquerda Unida /  EU /  patrimonio /  Xabier Ron /