Redacción •  Galicia •  22/08/2018

En Marea e BNG piden a comparecencia de Feijóo para explicar o acontencido no festival O Marisquiño

En Marea pediu formalmente no Parlamento de Galicia a comparecencia do presidente da Xunta, Alberto Núñéz Feijóo, para que explique a responsabilidade da Xunta de Galicia no acontecido co afundamento da infraestrutura do porto de Vigo na celebración do festival O Marisquiño, na que se rexistraron cerca de 500 feridos. En Marea pide a dimisión do actual presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, tralas declaracións autoexculpatorias e sinala que a responsabilidade das autoridades portuarias de ámbito autonómico e das súas instalacións son responsabilidades da Xunta de Galicia. Ao tempo, En Marea, co apoio do BNG, presentou a petición formal de comisión de investigación no Parlamento de Galicia.
 

En Marea e BNG piden a comparecencia de Feijóo para explicar o acontencido no festival O Marisquiño

Luís Villares explicou que tanto a petición da comisión de investigación como a da comparecencia do presidente da Xunta no Parlamento de Galicia responden «á gravidade da situación e a inhibición completa que está facendo o goberno autonómico das súas responsabilidades». O voceiro de En Marea sinalou que as palabras do presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, demostran cal é o sistema de funcionamento do goberno do PP e dos cargos nomeados por este. «Non facer caso das necesidades da xente, agachar a cabeza botarlle a culpa aos demais».

En Marea pide a dimisión de Enrique López Veiga pola súa «actitude infantil e o seu escapismo» e considera que se este presidente nomeado polo goberno do Partido Popular non asume asume a súa responsabilidade «debe ser quen o nomeu que o cese de xeito inmediato». Luís Villares apunta a que a intención de López Veiga de responsabilizar por completo á organización do festival «non é máis que a negativa a asumir a súa responsabilidade porque incluso nunha lei tan mala como a de espectáculos queda claro que as situacións que non están á vista non poden ser responsabilidade da organización»

Por todos estes motivos e tamén pola gravidade dunha situación que afectou a máis de 500 persoas sin que haxa unha resposta clara por parte das administracións, En Marea solicitou a comisión de investigación no Parlamento de Galicia e, na mesma sede, a comparecencia do presidente da Xunta. Ademais das decisións xudiciais que sexan tomadas no seu día, En Marea entende que hai outro tipo de responsabilidades que deben ser estudadas e deben ter consecuencias, entre outras cousas, como explicou Luís Villares «temos a responsabilidade de que isto non volva a suceder no mesmo Vigo ou en calquera dos espazos portuario de ámbito autonómico».

Na petición conxunta para a comisión se explica que: «Segundo informacións que se fixeron públicas, tanto a Autoridade Portuaria como o concello de Vigo tiñan coñecemento das deficiencias que presentaba este paseo de madeira, e a base de ferro e formigón sobre a que esta se construíra, e así e todo permitiron e autorizaron a celebración dun evento multitudinario neste emprazamento.

«Estamos ante uns feitos extraordinariamente graves polo elevado número de vítimas, polos danos físicos e psicolóxicos que se produciron, e pola alarma e impacto social que se xerou. E malia á enorme gravidade dos feitos, estamos a asistir a un espectáculo lamentábel de cruce de acusacións por parte das administracións, unha desafortunada liorta que é continuación de desencontros e enfrontamentos na xestión deste espazo portuario de uso público» -denuncian dende En Marea-. 

Ante a gravidade desta situación, e máis alá da actuación e das competencias dos órganos xudiciais e administrativos, cómpre que o parlamento galego sexa sensíbel diante dun tema de grande transcendencia pública. Tanto as vítimas como o conxunto da sociedade galega merecen saber o que pasou e quen son os responsables do acontecido».

 


BNG /  En Marea /