Galicia • 21/07/2019

Mercadona ameza con sancións o persoal que ten tatuaxes en zonas visíbeis se non as oculta

A sección sindical da CIG denuncia que esta persecución atenta contra os dereitos das/os traballadoras/es.

Mercadona ameza con sancións o persoal que ten tatuaxes en zonas visíbeis se non as oculta

Prohibidas as tatuaxes visíbeis e os piercings. Esa é a consigna que Mercadona instrúe a todo o seu persoal chegando mesmo a ameazar coa imposición de sancións a aquelas traballadoras e traballadores que non oculten estes adobíos. Así o denunciou este venres en rolda de prensa a sección sindical da CIG, quen advirte que esta persecución atenta contra os dereitos individuais e constitúe unha manifestación máis da política de férreo control que Mercadona exerce sobre as súas traballadoras e traballadores.

«Aínda que de momento non pasou do apercibimento verbal, o persoal que ten tatuaxes visíbeis está recibindo todo tipo de presións e ameazas para que as tapen», explica a presidenta do comité provincial da Coruña, María López Alejos, quen cualifica esta política laboral como totalmente extemporánea, vulneradora de dereitos e irrespectuosa co persoal.

Sinala que, no camiño de adaptarse aos tempos actuais, no último convenio colectivo se retiraron aqueles puntos que facían referencia as sancións por incumprir o aspecto físico esixido as traballadoras e traballadores. «Non obstante, a realidade é que en Mercadona están prohibidas as tatuaxes, ao igual que o piercings, e que a empresa ameaza con sancionar a quen as loce».

A este respecto, engade a presidenta do comité, Mercadona ten incluso un código de como ocultar as tatuaxes, dependendo da parte do corpo na que estean: no pescozo con maquillaxe, no brazo cunha venda, etc. «A clientela nunca se queixou porque algunha traballadora ou traballador teña unha tatuaxe. Ao contrario, chámalles moito máis a atención que vaiamos cun pegote de maquillaxe ou cunha venda», subliña.

Situación especialmente grave na tenda de Marineda City

Pero esta persecución non ten a mesma intensidade en todos os centros de traballo, e mentres nunhas tendas a prohibición tómase con maior lasitude, noutras como o supermercado de Marineda City, as ameazas son constantes. Tanto é así, explican, que un día, aproveitando a ausencia das delegadas da CIG, a encargada reuniu nas dúas quendas laborais a todo o persoal para reiterarlles que non se poden levar á vista as tatuaxes e lembrarlles que quen non cumpra esta obriga pode ser obxecto de sanción.

«Ao día seguinte, un traballador non cubriu a tatuaxe que ten no brazo e foi rapidamente chamado á oficina. Alí a encargada, con dúas testemuñas, díxolle que tiña que tapala porque esa é a política da empresa. Cando o traballador lle respondeu que o convenio non recolle nada sobres este asunto, a encargada díxolle que se dera por informado e lanzoulle ameazas veladas».

Para a CIG, que se poida chegar a sancionar a unha compañeira ou compañeiro por este motivo non só resulta inconcibíbel nos tempos actuais, senón que atenta contra o dereito á propia imaxe e ás liberdades individuais. Por iso, advirten que «non imos amedrentarnos ante ningunha ameaza e seguiremos a defender a dignidade e os dereitos do persoal». E engaden que, atrás desta persecución, o que en realidade se agocha son os intentos de Mercadona por dobregar e controlar ao seu persoal.

A CIG tratou esta prohibición nas reunións trimestrais coa empresa

A sección sindical da CIG levou esta problemática nás reunións trimestrais do comité e a empresa, que se limitou a asegurar que esta orde forma parte da política interna de Mercadona. «Cando lle pedimos que nos mostraran onde está recollida a obriga de tapar as tatuaxes, a resposta foi que hai que respectar a uniformidade, a neutralidade e a seguridade alimentaria e que, presuntamente, nos informan de palabra cando nos contratan».

Dende a CIG pídeselle a empresa que avance canda a sociedade e permita ensinar as tatuaxes se non teñen contido ofensivo, «pero até o momento non nos contestaron e continuamos igual». De feito, ao persoal con tatuaxes nos brazos Mercadona nin sequera lle entrega o uniforme de verán, polo que teñen que traballar todo o ano en camisa de manga longa.

A obsesión de Mercadona pola imaxe do seu persoal chega até o punto de que se prohibe ás traballadoras e traballadores asistir ás reunións de empresa con pantalón vaqueiro, pantalón curto, chándal, sandalias ou zapatillas deportivas.


CIG /  Galicia /  Mercadona /  Sindicalismo /