Redacción •  Galicia •  20/11/2017

Os Orzamentos para 2018 consolidan os recortes, as desigualdades e a precariedade laboral na estratexia neoliberal de reducir o peso do público na economía

O voceiro de En Marea Luís Villares defendeu a emenda á totalidade e a petición devolución dos Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2018 porque, entre outros motivos, consolidan os recortes e o empeoramento das condicións de vida e de traballo a pesar de que o PIB recuperou os valores previos á recesión. “Por que co mesmo nivel de PIB o orzamento de 2018 é un 23 por cento inferior ao que había antes da recesión?”, preguntoulle o voceiro de En Marea ao conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, antes de cualificar ao goberno galego de “incompetentes políticos e pésimos xestores que abandonan á poboación á súa sorte”.

Os Orzamentos para 2018 consolidan os recortes, as desigualdades e a precariedade laboral na estratexia neoliberal de reducir o peso do público na economía

A “estafa” social da crise

Luís Villares denunciou que a saída da recesión “está agravando a desigualdade social, a precariedade e o deterioro dos servizos e das prestacións públicas” sinalando que en Galicia hai a día de hoxe 144 mil empregos menos que en 2008, 450 mil persoas asalariadas perciben ingresos por debaixo dos mil euros e contabilízanse 700 mil persoas en risco de pobreza e exclusión social, un 25 por cento da poboación. A maiores, destacou que o 63 por cento das pensións están por baixo do limiar da pobreza e que as familias perderon o 20 por cento do seu poder adquisitivo durante a recesión.

“Un modelo de crecemento que deixa atrás unha parte moi importante da poboación non é un crecemento san”, sinalou Villares, para quen a crise “foi unha estafa empregada para degradar o modelo social”. Recuperar o nivel de ingresos públicos que permitan financiar un estado de benestar, recuperar os dereitos laborais e sociais perdidos e abordar cambios na estrutura produtiva do país para depnder menos das actividades estacionais e de baixo valor engadido, son algunhas das receitas propostas por En Marea para “sacar Galicia da cola do crecemento”.

Desemprego e precarización

Dende 2008 Galicia é a Comunidade Autónoma coa peor evolución laboral do Estado, un problema que estivo moi presente na intervención do voceiro de En Marea. “Nos últimos doce meses, coa economía medrando por riba do 3 por cento, o emprego en Galicia só aumentou en 14.500 persoas, unha cifra equivalente ao 1.4 por cento, fronte ao 2,8 por cento da media do Estado”, lembrou. “Con este dato e as previsións da Xunta para 2018 parece imposible que cumpra cos compromisos de xerar 100 mil empregos nesta lexislatura”.

O mesmo acontece coa perda de calidade do emprego. “En Galicia practicamente todo o emprego asalariado xa é temporal, 9 de cada 10, máis do dobre do Estado. No terceiro trimestre de 2017 hai 10 mil persoas asalariadas máis pero só un 11 por cento ten un contrato indefinido mentres que o 89 por cento restante ten un contrato temporal”. Unha “pandemia social” que, segundo En Marea leva cronificada na sociedade galega dende hai tempo.

Endebedamento para gasto corrente

A transformación da débeda privada en débeda pública como consecuencia da crise financeira e a xestión neoliberal da mesma tamén estivo moi presente na intervención do voceiro de En Marea. “Nos últimos nove anos endebedámonos en 7.409 millóns de euros, o dobre que nas tres décadas anteriores, e e en 2018 a Xunta vaise endebedar en 1.387 millóns de euros, en grande medida, concretamente 1.075 millóns, para pagar a débeda de anos anteriores”, lamentou.

“Estes datos demostran o falso discurso económico do PP de que non se pode gastar máis do que se ten, pois durante oito anos a Xunta endebedounos a niveis históricos para pagar gasto corrente e non para investir na capitaliación do país”, apuntou Villares.

Orzamento restritivo e minguante

Para En Marea os recursos dos que vai dispoñer a Xunta en 2018 son unha clara estratexia neoliberal da redución do peso do gasto público na economía, un “23 por cento inferiores aos que tivo en 2009”. “Esta é a lóxica que está detrás da estratexia orzamentaria da Xunta, dar continuidade ao recorte baixo a nova forma de reducir o peso do gasto público”.

E puxo como exemplo o que acontece coas pensións, que perden un 1,75 por cento do poder aquisitivo malia incrementarse formalmente un 0.25 por cento, ou o que vai suceder en 2018 co gasto público non financeiro, que apenais vai chegar ao 15 por cento do PIB, case 4 puntos menos ca en 2009, exercicio no que chegou ao 18.6 por cento.

Consolidación dos recortes

Para En Marea o orzamento de 2018 consolida os recortes aplicados entre o 2009 e 2014, sendo as partidas con maiores mermas en termos relativos a de vivenda (caída do 71 por cento dende 2009), a de normalización lingüística (un 69 por cento inferior) e as actuacións medioambientais (que perderon un 67 por cento de fondos dende 2009).

O gasto en Sanidade é un 9.3 por cneto menor que en 2009, en Educación un 16 por cento e en Cultura a perda é do 57 por cento con respecto a hai oito anos. En políticas de Emprego a caída é dun 48 por cento, o investimento en infraestruturas é un 49 por cento inferior e a dinamización do Rural supón un retroceso de máis de 150 millóns de euros, mentres que os de Pesca caen un 50 por cento.

Ademais de conxelar os salarios públicos, o orzamento de 2018 é para En Marea outro “chanzo máis na contrarreforma fiscal que está levando a cabo tanto a Xunta coma o goberno central” ao baixar a paortación dos impostos directos, que gravan segundo o nivel de riqueza das persoas, e subir os indirectos, fundamentalmente o IVE, que penaliza máis aos que menos teñen.

Alternativa de En Marea

“Fronte este modelo neoliberal”, sinalou Luís Villares na última parte da súa intervención, “nós propoñemos un modelo de crecemento inclusivo que aposte pola mellora da actividade en sectores de maior valor engadido, con salarios decentes sobre os que se poida soster o Estado de benestar grazas aos impostos e as cotizacións”.

A alternativa de En Marea pasa por darlle impulso á demanda interna e á produtividade, mentres que o “papel das administracións públicas ten que ser trasladar os incrementos do PIB á recuperación dos dereitos da xente”. “Fronte á resignación, os recortes os recortes e o axuste permanente nós demandamos e comprometemonos cunha posición ambiciosa da Xunta de Galicia co obxectivo de incrementar o orzamento en 500 millóns de euros, mellorando os ingresos co obxectivo de financiar unha política económica que impulse o crecemento, o transforme en desenvolvemento económico e social, baseado na economía produtiva, que traslade a maior riqueza o benestar da cidadanía combatindo a desigualdade, a precariedade, a pobreza e a exclusión”, concluíu Luís Villares.


En Marea /