Redacción •  Xunta de Galicia •  Galicia •  16/07/2016

AGE acusa ao PP de Alberto Núñez Feijóo de impulsar políticas que non dignifican as condicións de vida da poboación galega

O viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda Antón Sánchez denuncia que co PP na Xunta Galicia perdeu 14.000 habitantes cada ano.

AGE acusa ao PP de Alberto Núñez Feijóo de impulsar políticas que non dignifican as condicións de vida da poboación galega

As súas políticas non dan condicións de vida digna ás xentes deste país e menos aínda á xente moza”. Este foi o resumo co que o deputado de AGE dixo adeus ao presidente da Xunta na que probabelmente foi a derradeira sesión de control parlamentario da lexislatura. “Por que en 2009 Galiza medraba e desde que chegou vostede perdeu 14.000 habitantes cada ano?”, engadiu, “vostede e o seu partido meteron este país nun pozo”.
 
Sánchez lembrou que Galicia destruíu, nestes anos de crise, o dobre de empregos que no resto do Estado, ao tempo que reducía o “diferencial positivo” que tiña 2009. No sector agro forestal, os dous gobernos do PP destruíron un de cada tres postos de traballo, “unha destrución sen parangón» a nivel estatal. «O país era o 5,33% do PIB do Estado en 2009 e agora é o 5,18%. O emprego era o 6,14% do Estado e agora non chega ao 5,9%«-presentou Antón Sánchez.
 
O novo emprego caracterízase pola “temporalidade e a precariedade”. Os sectores produtivos entraron en liquidación. O austeritarismo dificulta a existencia aos de abaixo “e deprimen aínda máis a economía”. Deslocalización da industria, liquidación do sistema financeiro galego, redución do I+D+i a límites rídículos, parálise das enerxías renovábeis, emigración da mocidade. “Vostede repite que Galiza vai ‘polo bo camiño’ e sabe que iso non é máis ca ‘márketing’ e ningún dato o avala”, afirmou o viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda.
 
Vostede non se pon rubio cando presume de principios éticos”, afeoulle o deputado Sánchez ao Presidente da Xunta, « vostede o que abraza a Baltar, o que fixo o que fixo con Marcial Dorado. Vostede supérase, deu un recital de soberbia, de prepotencia e da falta de respecto que o caracteriza”.
 
Nós, aquí en Galiza, sufrimos a crise e sufrimos os gobernos de Feijóo”, rematou, antes de avisar: “Galiza precisa un cambio profundo e vostede xa demostrou que non é capaz”.


AGE /  Alberto Núñez Feijóo /  Alternativa Galega de Esquerda /  Xunta de Galicia /