Redacción •  Galicia •  16/04/2020

Amigos da Terra reivindica a importancia do sector agrario e gandeiro en tempos de urxencia sanitaria polo COVID-19

Este 17 de abril, Día da Loita Campesiña, Amigos da Terra pon o foco máis que nunca na necesidade de apoiar unha agricultura e gandería local e agroecolóxica. A crise do COVID-19 puxo de relevo o valor das persoas que traballan a terra para producir os alimentos que diariamente consome a poboación. 

Amigos da Terra reivindica a importancia do sector agrario e gandeiro en tempos de urxencia sanitaria polo COVID-19
O peche xeneralizado dos mercados alimentarios, causado por unha interpretación excesivamente restritiva de moitos gobernos locais e autonómicos sobre as directrices decretadas polo estado de alarma ante a pandemia, está xerando custos inasumibles aos produtores e produtoras locais. Esta situación está afectando profundamente aos seus modos de vida, ademais de estar incrementando o desperdicio alimentario pola imposibilidade de dar saída aos seus produtos, e, o que é máis grave, non están chegando alimentos frescos e saudables á cidadanía.
 
Amigos da Terra esixe ao Ministerio de Agricultura e Alimentación, Ministerio de Sanidade e Ministerio de Consumo e a Xunta de Galicia que clarifiquen as instrucións postas en marcha no estado de alarma ante a pandemia do COVID-19. É necesario garantir que os mercados de proximidade, os circuítos curtos de comercialización e a produción de autoabastecemento poidan seguir celebrándose en todas as Comunidades Autónomas. Isto xa sucede nas Illas Baleares e Cataluña a través da venda directa de alimentos, pero non así en Galicia, onde só seguen permitíndose os desprazamentos a granxas, hortos de autoprodución e consumo de alimentos establecéndose unha limitación de 500 m de distancia nun país como o noso, tremendamente disperso, pero sobre todo, con que a acreditación desas actividades dependan dun carné que boa parte da poboación nin debería usar nin precisa para cultivar a súa terra dun xeito seguro alimentariamente.
 
As canles de venda directa facilitan o acceso á cidadanía a bens de primeira necesidade -cuxa produción, circulación e abastecemento están protexidas expresamente polo estado de alarma- xa que contan con condicións óptimas de seguridade e hixiene, que adoitan ser superiores ás de calquera supermercado. 
 
Amigos da Terra solicita que a resposta no estado de alarma fronte á pandemia do COVID-19 debe servir para apostar por un modelo alimentario xusto, saudable e sostible medioambientalmente, que poña no centro ás persoas que producen os alimentos e ás que o consumen. Por iso, demanda ás autoridades públicas que fagan un esforzo co fin de mitigar o brutal impacto económico que está provocando esta crise nas economías campesiñas, e aposten polas producións locais e as ecolóxicas na compra pública de alimentos para abastecer hospitais, centros de maiores, comedores sociais, comedores escolares ou bancos de alimentos.
 
A agricultura, a gandería e o sistema alimentario no seu conxunto son fundamentais para dar resposta tanto a esta urxencia sanitaria, como á urxencia climática, a desertificación, o esgotamento dos acuíferos e á perda de biodiversidade. Neste sentido, a organización ecoloxista empraza ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, MAPA, a que aproveite o proceso actual de elaboración do Plan Estratéxico Nacional da Política Agraria Común, PAC, para abordar varias cuestións inaprazables como son:
 
•    Definir un sistema redistributivo que apoie a pequenas leiras ganderas e agrícolas, establecendo criterios que acompañen a unha transición xusta e agroecolóxica do sector.
 
•    Poñer en marcha medidas que fomenten a venda directa e as canles curtas de comercialización. Especialmente útil neste sentido é a compra pública alimentaria ecolóxica e de proximidade, que pode potenciarse en colexios, hospitais e demais organismos de xestión pública.
 
•    Utilizar os recursos públicos de distribución alimentaria en beneficio dunha produción agraria xusta e respectuosa co medio ambiente. Para iso o Ministerio conta coa empresa estatal MERCASA, responsable da Rede de MERCAS que abastece por toda a xeografía española.
 
•    Implementar unha política fiscal que potencie o consumo de produtos alimentarios frescos, fronte aos ultra-procesados, en especial pódese incentivar a produción de alimentos ecolóxicos.
 
•    Poñer en marcha mecanismos que permitan unha regularización dos horarios comerciais e a promoción do pequeno comercio de proximidade. 
 
•    Rexeitar os tratados comerciais que poñen en risco a produción e consumo de alimentos saudables, sostibles e de proximidade. En concreto está na súa man non ratificar o acordo de MERCOSUR que supoñerá unha competencia desleal en materia alimentaria e xerará números impactos medioambientais e sociais.
 
Amigos da Terra reitera a petición de coordinación de todos os ministerios vinculados coa política alimentaria, en especial ao MAPA, así como o Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, e o Ministerio de Consumo. A elaboración do novo Plan Estratéxico Nacional da PAC debe ser unha folla de ruta que impulse un sistema alimentario máis xusto e sostible para a próxima década.

Amigos da Terra /  coronavirus /  COVID-19 /