Redacción •  Galicia •  15/11/2016

EU reitera o seu compromiso a prol dun Sahara libre e apoiará todas as medidas na defensa dos dereitos humanos do pobo saharauí

Doutra banda, dende EU animamos a participar na charla “O dereito á educación na República Saharauí”, impartida polo reitor da Universidade de Tiferiti e que terá lugar na Facultade de Dereito da USC este mércores 16 de novembro ás 18h.

EU reitera o seu compromiso a prol dun Sahara libre e apoiará todas as medidas na defensa dos dereitos humanos do pobo saharauí

Dende Esquerda Unida levamos anos a denunciar a actuación antidemocrática de Marrocos, así como a constante violación de dereitos humanos respecto ao trato ao seu veciño Sahara Occidental.  O pobo saharauí debe saber que seguiremos apoiando a súa causa e que reclamaremos a celebración do referendo de autodeterminación para que os saharauís podan vivir en paz e en liberdade no seu propio territorio.

Esta semana, Eva Solla, deputada de En Marea,  vicepresidenta segunda do Parlamento e membro da dirección de Esquerda Unida, mediante o grupo parlamentario de En Marea, instou á Xunta de Galicia a orzamentar e financiar o programa “Vacacións en Paz”, “asumindo así o compromiso electoral contraído polo PP con Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) polo importe de 280.000 euros, co fin de asegurar a viabilidade deste programa”, sinalou.

“Vacacións en Paz” leva desenvolvéndose en Galicia dende os anos noventa, permitindo o acollemento de máis de 300 nenas e nenos cada ano. “Non obstante, as dificultades económicas chegaron o pasado ano a poñer en perigo a súa viabilidade, toda vez que moitos concellos anunciaron a negativa ou imposibilidade de facer fronte ás achegas”, dixo. É por isto que dende Esquerda Unida vemos moi necesario que se asegure a súa viabilidade e esta partida se vexa reflectida nos orzamentos para o ano 2017.

Doutra banda, para o membro de dirección de EU e responsable de elaboración programática, Xabier Ron, “a recente concesión do estatuto de refuxiado político ao activista saharauí Hassanna Aalia representa o triunfo da batalla polos dereitos humanos non só do activista, senón de todo o movemento asociativo comprometido na defensa da causa saharauí”, sinalou.

O recoñecemento a Hassanna Aalia da condición de refuxiado político implica, de forma rotunda, a esixencia de que se anule o xuízo militar a todas as persoas –un total de 25 activistas incluíndo a Hassanna Aalia- xulgadas por un tribunal militar pola súa participación na creación do campamento da paz de Gdeim Izik, desmantelado por Marrocos pola forza a finais de 2010.

Por iso, para Esquerda Unida, é preciso ir máis aló da satisfacción que representa este feito. Cómpre que lle deamos un encadre a esta cuestión superior e que obriga a ter un claro posicionamento por parte das forzas de esquerda do Estado, de Galicia e de toda Europa. En defensa da legalidade e dos dereitos lexítimos do pobo saharauí, Esquerda Unida manifesta:

1º Esiximos a anulación inmediata do xuízo militar aos 25 activistas de Gdeim Izik, unha auténtica farsa que violentou o dereito de defensa e o dereito á xustiza. Neste sentido, e considerando que o pobo saharauí vive ocupado polas forzas militares e policiais de Marrocos, cómpre que cese a persecución e a violación sistemática de dereitos e que sexan liberados todos os presos políticos.

2º Reclamamos a implicación de toda a comunidade internacional para que se esixa o fin da violación dos Dereitos Humanos e para que a MINURSO adopte o mandato de garantir non só o alto ao fogo –vulnerado en frecuentes ocasións, como aconteceu co asasinato por un balazo de Said Dambar, senón tamén a salvagarda dos dereitos humanos.

3º Esiximos o fin do cerco mediático levado a cabo por Marrocos e que se sustenta nunha política de expulsión sistemática de observadores internacionais, tal como aconteceu cunha delegación do Parlamento de Galicia en maio de 2016. Por iso, é imperativo que se reclame a apertura de fronteiras, para que organismos internacionais podan informar con veracidade sobre a situación nos Territorios Ocupados.

4º Denunciamos o comportamento hipócrita do Estado e de Galicia, quen de volcarse en aspectos asistencialistas coas persoas que viven nos campamentos de refuxiados de Arxelia, mais que seguen menosprezando a resolución política do conflito. A hipocrisía permite o establecemento de acordos empresariais e comerciais que só benefician a Marrocos, cando as actividades se realizan en territorio saharauí, sen que o pobo saharauí se vexa recoñecido como beneficiario. A mesma hipocrisía que fai de Marrocos o xendarme do sur de Europa e que tantas consecuencias negativas ten para milleiros de persoas migrantes.

5º Consideramos da máxima importancia o recoñecemento oficial da Fronte Polisaria como lexítima representante do pobo saharauí.

6º Despois de 40 anos de desleixo é hora de que o Estado asuma a súa condición de potencia administradora e prosiga co proceso de descolonización, que se supriman os asentamentos de colonos nos territorios ocupados e que se traballe para que se cumpran as resolucións da ONU para que o pobo saharauí poda vivir en liberdade no seu propio territorio.

Por último, e co motivo de seguir apoiar a causa saharauí, dende Esquerda Unida animamos a participar na charla “O dereito á educación na República Saharauí”, impartida polo reitor da Universidade de Tiferiti e que terá lugar na Facultade de Dereito da USC este mércores 16 de novembro ás 18h. da tarde.


Sahara /  Sahara Occidental /