Redacción •  Galicia •  04/07/2016

Esquerda Unida critica que a nefasta xestión do PP dificulta a seguridade nas nosas praias

Juan Fajardo: “Esta fin de semana morreron dúas persoas, unha nunha praia que non tiña socorrista e, outra, onde os socorristas remataran o seu horario laboral”.

Esquerda Unida critica que a nefasta xestión do PP dificulta a seguridade nas nosas praias

 “Esta fin de semana morreron dúas persoas, unha nunha praia que non tiña socorrista e, outra, onde o socorrista rematara o seu horario laboral”, feito que, en palabras do membro da dirección de EU e deputado de AGE, Juan Fajardo, “tense que solucionar xa”. “Hai concellos que reduciron o seu número de socorristas e outros que tiveron que asumir as contratacións con fondos propios para garantir salarios dignos e evitar esta fuga de profesionais, o que dificulta a seguridade das nosas praias”, explica.

“É necesario non só ampliar o número de socorristas, senón ampliar tamén os horarios de presenza para evitar estes feitos, cousa que só se pode acadar con inversión real por parte da Xunta de Galicia”, esixe.

Un curso de 420 horas de duración dun prezo de 1.500 euros. Así é a certificación profesional, imposta polo goberno do PP, e obrigada dende o ano 2012 para todos aqueles socorristas que queiran prestar ese servizo. “Tanto a temporalidade como a precariedade salarial cébase cos nosos socorristas que, ademais, vense na obriga de pagar un prezo inxente de 1.500 euros para acadar o seu título e traballar 3 meses”.

“A onde nos quere levar o Partido Popular?” pregúntase Juan Fajardo, que denuncia que, “o alto prezo para acceder ao título de socorrista e o baixo salario que perciben, requisitos impostos polo PP deixan, dunha banda, aos bañistas sen protección e, doutra, aos profesionais mal pagados por uns tres meses de traballo ao ano, un feito totalmente vergoñento”.

“Estes datos non fan máis que mostrar un reflexo claro do fracaso das políticas de emprego do Partido Popular, nas que os contratos temporais e precarios fan que atopar un traballo digno sexa cada vez máis complicado, nos seguen a levar en senda descendente e deixan vacantes libres de traballo cando os profesionais, e o traballo, fan máis falla”.

Segundo expresa Fajardo, “a precariedade laboral cébase cos traballadores temporais, que sofren sobreexplotación e, grazas ás políticas neoliberais do PP, cada vez están máis desprotexidos ante os abusos empresariais”, remata a deputado.

 


Galicia /  PP /