Redacción •  Galicia •  04/03/2017

Esquerda Unida fai un chamamento á participación na manifestación unitaria polo Día Internacional da Muller, este domingo 5 de marzo en Compostela

A mobilización, que leva o lema de “Feminismo para avanzar, xuntas nunha mesma loita”, sairá dende a Rúa do Hórreo (diante da Estación de Tren) e chegará á Praza da Quintana.

Esquerda Unida fai un chamamento á participación na manifestación unitaria polo Día Internacional da Muller, este domingo 5 de marzo en Compostela

Esquerda Unida «fai un chamamento á participación e súmase á manifestación unitaria polo Día Internacional da Muller, convocada por diferentes organizacións feministas e apoiada por colectivos, sindicatos e partidos políticos, entre outras adhesións, que terá como eixo principal a loita contra as violencias machistas e o empoderamento das mulleres.

Baixo o lema de “Feminismo para avanzar, xuntas nunha mesma loita”, a mobilización, que terá lugar este vindeiro domingo 5 de marzo en Santiago de Compostela, sairá ás 12 horas dende a Rúa do Hórreo (diante da Estación de Tren) e chegará á Praza da Quintana, onde se realizará o acto de peche coa lectura do manifesto.

Dende Esquerda Unida entendemos que agora é o momento de pular para conseguir que o feminismo sexa o alicerce fundamental da transformación social, xa que entendemos que para acadarmos unha sociedade xusta e sen desigualdades, a transversalidade de xénero debe impregnar todos os aspectos esenciais da nosa vida. Por iso, precisamos a práctica e a política feminista, para que a igualdade real entre mulleres e homes sexa real e visibilizada nos diferentes eidos da nosa vida en sociedade: na educación, na saúde, na historia, na cultura, na economía e no mundo do traballo, entre outros.

Por todo isto, dende Esquerda Unida chamamos a participar e saír ás rúas nesta mobilización a prol da defensa da loita feminista, unha oportunidade idónea para comezar a mudar a realidade do noso país».


feminismo /  Galiza /