Redacción •  Galicia •  01/07/2016

EU leva a cabo unha campaña animando ás familias galegas a que non se matriculen na materia de Relixión

A área de Educación de EU leva a cabo unha campaña animando ás familias galegas a que non se matriculen na materia de Relixión no vindeiro curso escolar. EU esixe a modificación do Decreto 86/2015 polo que a Xunta obrigará "de facto" a unha considerable parte do alumnado de bacharelato a escoller a materia de Relixión

EU leva a cabo unha campaña animando ás familias galegas a que non se matriculen na materia de Relixión

A área de Educación de Esquerda Unida levou a cabo estes días unha campaña informativa na que animaba ás familias do alumnado galego a non matricular aos seus fillos na área de Relixión, optando así pola materia  de «Valores Sociais e Cívicos».

 

De cara ao vindeiro curso escolar, EU denuncia como especialmente preocupante o feito de que a través do Decreto 86/2015, polo que se establece o currículo de ESO e Bacharelato en Galicia, a Xunta estableza a Relixión Católica como materia chave (xa que é a única das específicas con só unha hora lectiva) de cara a que o alumnado poida configurar unha selección de materias optativas ao seu gusto, cumprindo co requisito legal de seis horas lectivas semanais en primeiro de bacharelato e oito en segundo. En resumo: a Xunta forza aos nosos fillos e fillas para que escollan a materia de Relixión para acceder a determinadas opcións de bacharelato.

 

EU rexeita así mesmo e cualifica como “unha regresión” o feito de que a LOMCE incorpore a Relixión como materia avaliable e computable na configuración  da nota media do alumnado de bacharelato. Por último, e volvendo sobre o goberno de Xunta, EU cualificou de cando menos «chamativo» que o goberno da Xunta, dentro do escenario de feroces recortes dos últimos anos, teña mantido os orzamentos anuais da para a materia de Relixión (28 millóns de euros en 2015) para unha materia cuxa demanda ten diminuído un 40% nos últimos 10 anos.

 

Esquerda Unida reitera así a súa aposta por unha educación de carácter científico e laico na que a educación relixiosa, pertencente ao ámbito privado de cada persoa, sexa excluída do ámbito escolar. Tamén tacha de paradóxico que as distintas lexislacións educativas, e moito menos a LOMCE, non foran quen de adoptar esta medida progresista.


EU /  Galicia /  laicidad /