Queixas empraza o PP a escoitar o clamor da comunidade escolar da Coruña: “Estouparon as costuras do ensino”
- A deputada do BNG denuncia o estado ruinoso dalgúns centros educativos da cidade e os recortes en profesorado, rateos e atención á diversidade.
- O PP vota en contra dunha iniciativa que emprazaba á Xunta a atender as reivindicacións presentadas pola Federación Provincial das ANPA.

A deputada do BNG pola Coruña, Mercedes Queixas, denunciou no Parlamento o estado de abandono no que se atopan os centros educativos da cidade e emprazou o Goberno do PP a escoitar o “clamor” da comunidade educativa, que leva cinco meses mobilizándose, contra as súas políticas de “asfixia” da educación pública mentres se produce unha “fuga millonaria” cara á privada.
“Edificios en mal estado, moitos ruinosos, cubertas e tellados que filtran a auga, paredes e teitos desconchados, fungos e madeiras carcomidas, caldeiros nas aulas como compañeiros de aula, espazos educativos inutilizados, instalacións eléctricas obsoletas, recorte de profesorado, inhumano recorte de especialistas en pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe, incumprimento de ratios, eliminación de prazos de coidadoras…”
Así describiu a deputada nacionalista o “mapa escolar”, dixo, contra o que loitan o profesorado e as familias, que están a defender nas rúas a educación pública como “principal ascensor social, cohesionador das desigualdades”. Un mapa escolar que se reflicte ademais no informe elaborado pola Federación Provincial das ANPA no que se reflicte, explicou, que o 90 % dos centros educativos da cidade precisan obras urxentes e que hai un infrafinanciamento acumulado e un déficit de recursos humanos e materiais. “A situación é moi crítica”, alertou.
“Estouparon as costuras do ensino e colapsou a precariedade á que o PP leva sometendo a educación pública galega”, denunciou Queixas, engadindo que as queixas da comunidade escolar da Coruña non son para defender “ningún privilexio nin só unha man de pintura” senón por “afectacións estruturais” a consecuencia de “anos, décadas de abandono”.
Só no que atinxe á cidade da Coruña, subliñou, o BNG rexistrou desde setembro iniciativas sobre o mal estado no que se encontran oito centros de educación infantil e primaria (CEIP), os de Cidade Vella, Prácticas, Rosalía de Castro, Wenceslao Fernández Flórez, Alborada, Novo Mesoiro, Concepción Arenal e María Pita. Iniciativas pendentes de resposta porque, segundo o PP, “todo está estupendo no seu espellismo de Galiza, país das marabillas”, ironizou.
Malia que os problemas denunciados pola comunidade escolar agraváronse desde o inicio deste curso, a resposta da Consellería de Educación foi non escoitar ás ANPA —que aínda non foron recibidas nas dependencias da Xunta— e intentar desmobilizar á cidadanía que acudirá mañá as manifestacións convocadas pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público.
Queixas reclamou así o Goberno de Rueda que rectifique e escoite o que lle están a dicir desde as asociacions de nais e pais que, dixo, “fixeron o traballo de colocar no espello público a realidade de a pé, a que non se ve desde os despachos cómodos de San Caetano nin dos coches oficiais”.
A través dunha proposición non de lei debatida na Comisión de Educación, a deputada do BNG reclamou en concreto que a Xunta analice o informe de necesidades feito polas ANPA, “para abordar conxuntamente propostas de mellora de cara á elaboración dun plan estratéxico de atención aos centros educativos da provincia que dea resposta ás súas necesidades recentes”.
“Asuman o informe, léano e comecen a traballar coa federación provincial, coa comunidade educativa e, por suposto, cos centros educativos e os seus equipos de dirección para abordar a proposta de melloras que necesitan os centros da cidade. Precísase un plan estratéxico e precísase que a Xunta se comprometa desde xa”, considerou a deputada.
O PP votou en contra da iniciativa, unha mostra, segundo sostivo Queixas, da falta do seu compromiso coa educación pública e coa cidade da Coruña.
