André Abeledo Fernández •  Opinión •  12/07/2021

Samuel outra víctima da barbarie

Ver como unha xauría de bestias cobardes participan no linchamento dun xoven indefenso na Coruña faise moi duro.
Ver a unha manada de asasinos dando unha malleira a alguén aproveitando a súa indefensión, debe facer que salten tódalas alarmas na nosa sociedade.
A posibilidade de que Samuel, un xoven inocente, un xoven como calquera outro, podería ser o noso veciño, noso irmán, noso fillo, teña sido asasinado pola súa orientación sexual fainos retroceder como sociedade as catacumbas do horror.
¿Que clase de sociedade estamos construíndo?, ¿que clase de xuventude estamos educando?.
Algúns discursos de odio ao diferente están detrás do bestialismo, da deshumanización do ser humano, da barbarie capaz de arrebatar a vida dun inocente do xeito  brutal e cobarde.
Existe unha ameaza real de que se poda expandir unha pandemia de odio irracional.
Que un rapaz sexa asasinado sempre é algo dramático e inxusto, pero que sexa asasinado pola súa orientación sexual é algo que como sociedade debe poñernos en alerta máxima.
Samuel, un xoven de 24 años foi vítima dunha brutal agresión de madrugada na Coruña, e falecía como consecuencia das feridas provocadas por unha paliza propinada por un grupo de persoas.
Algúns indicios apuntan a posibilidade de que o conflito tivese como orixe unha grabación cun teléfono móbil, aínda que os seus amigos e tamén os usuarios en redes sociais denuncian que o motivo do asasinato foi a súa orientación sexual.
Os que difunden e defenden o discurso do odio dende a ultradereita están detrás do que pasa no Estado español nos últimos tempos.
O discurso racista, xenófobo, que tamén fomenta a homofobía e dá argumentos a barbarie.
Os que sementan odio irracional, para que a sociedade recolla como froito traxedias e violencia.
Pero non esquezamos que tamén son cómplices os que blanquean ou chegan a acordos co fascismo.
É necesario parar esta terrible involución social a todolos niveis antes que se convirta nunha enfermidade endémica, en unha pandemia de odio irracional.

Opinión /