André Abeledo Fernández •  Opinión •  09/08/2026

Infantino, o lambecús dos poderosos que quere converter o fútbol nun circo yanqui

Camaradas, hai que dicilo sen paños quentes: Gianni Infantino non é un simple dirixente deportivo con algúns desvíos. É a encarnación máis rastreira do que o fútbol das últimas décadas permitiu que se instalase na súa cúpula: a corrupción convertida en método de goberno.

Viñámolo avisando dende hai tempo e o propio mundo do fútbol dábao por descontado: o respaldo da federación arxentina e de Marrocos á reelección de Infantino non era gratuíto. A Arxentina regaláronlle todo o camiño posible cara á final do Mundial 2026 e cara ao título en Qatar, con arbitraxes que foron unha vergonza e unha humillación para calquera que aínda crea que isto é un deporte e non un guión escrito de antemán. A Marrocos regaláronlle, nos despachos, unha Copa África que non puido arrincar no campo, na final contra Senegal, nin con toda a axuda arbitral que recibiu.

Isto non son casualidades. Isto é o pago de favores, a devolución de apoios, a mercadoría coa que se compran votos dentro dunha FIFA convertida nunha monarquía privada disfrazada de organismo deportivo internacional.

Infantino é corrupto, coma tantos outros que pasaron por eses despachos. Pero el chegou a un chanzo moral aínda máis baixo: é un suxeito que nunca coñeceu a dignidade, que se vende a quen pague máis e máis rápido. Un lambecús de Donald Trump cando lle convén, un lambecús de Mohamed VI cando lle convén, e un lambecús de calquera ditadura que teña a talonario aberto. Non hai ideoloxía no seu servilismo, só cálculo. É o rostro perfecto do capitalismo do espectáculo: sen patria, sen clase, sen máis lealdade cá do diñeiro.

E detrás desa vileza persoal hai un proxecto político moito máis perigoso: a privatización total do Mundial de fútbol, a conversión do deporte rei nun produto de entretemento ao estilo yanqui, un circo empresarial onde o xogo é o de menos e o negocio televisivo, publicitario e xeopolítico é todo. Queren un fútbol convertido en soccer de exhibición, baleirado da súa raíz popular, da súa orixe obreira, de todo aquilo que durante máis dun século o converteu no deporte dos barrios, das fábricas, da clase traballadora que enchía as bancadas os domingos.

Mentres Infantino e a súa corte de mamporreiros sigan á fronte da FIFA, ningunha das súas competicións merece confianza, e moito menos pode chamarse deportiva. O que organizan non é fútbol: é un negocio blindado polo poder político e económico de quen, coma Trump ou Mohamed VI, entende perfectamente o valor de ter a un vendido dirixindo o deporte máis popular do planeta.

A loita contra esta FIFA corrupta é tamén a loita contra a mercantilización de todo o que antes foi patrimonio popular. O fútbol naceu na rúa, no barrio, na fábrica. Non llo imos entregar sen loitar aos Infantino de quenda.


Opinión / 

Información en la que puede confiar:

Reuters, la división de noticias y medios de comunicación de Thomson Reuters, es el mayor proveedor de noticias multimedia del mundo, con un alcance diario de miles de millones de personas en todo el mundo. Suscríbase a nuestro boletín informativo diario gratuito: thomson@reutersmarkets.com