BNG exixe ao Goberno do Estado rexeitar os recortes nos Orzamentos da UE para ampliar o gasto militar
Néstor Rego demanda ao executivo español defender os intereses dos sectores produtivos galegos afectados polos recortes -inicialmente o agrogandeiro e o pesqueiro- frente á prioridade que a Unión Europea decide dar ao gastoen armamento
O BNG alerta de que os recortes na PAC, na pesca e na cohesión territorial suporán un duro golpe para o rural e a frota pesqueira galega, mentres se disparan os fondos para o gasto militar.
O deputado do BNG destaca que o recente acordo UE-EUA destapa a falacia da ‘autonomía estatéxica’ e mesmo da pretendida aposta pola industria militar europea, porque do que se trata é de destinar os fondos militares á compra de armamento aao complexo militar-industria dos Estados Unidos, “o único que vai saír beneficiado da escalada belicista”.

O Bloque Nacionalista Galego rexistrou iniciativas nas Cortes do Estado para exixir ao Goberno español que se posicione en contra da proposta de novo marco financeiro plurianual 2028-2034, presentada pola Comisión Europea, que contempla un incremento masivo no gasto militar á custa dun recorte brutal nos fondos destinados á Política Agraria Común (PAC), á pesca e á cohesión territorial. O deputado do BNG, Néstor Rego, denuncia que estas políticas implican “un novo ataque frontal aos sectores produtivos galegos” e reclama ao executivo estatal que adopte “todas as medidas necesarias para evitar que se concreten”.
Recortes inaceptábeis para o rural e o mar galego
A proposta da Comisión Europea implica un xiro perigoso para o belicismo, cun aumento exponencial nos fondos para armamento mentres se reducen os recursos dedicados á produción alimentaria e ao desenvolvemento territorial. En concreto, os fondos para pesca reduciríanse en 66%, pasando de 6.100 a 2.000 millóns de euros, mentres que a PAC sufriría un recorte de 21,7%, pasando de 378.000 a 300.000 millóns de euros.
Estes recortes afectarían directamente á Galiza, onde o sector agrogandeiro e o pesqueiro xa sofren unha situación crítica tras anos de políticas regresivas impostas desde Bruxelas. “É inaceptábel que se priorice o gasto militar frente á soberanía alimentar, a sustentabilidade e o futuro dos nosos sectores produtivos.
A proposta da Comisión implica unha condena para o rural galego e para a nosa frota pesqueira” advirte Néstor Rego.
“Non é admisíbel que un sector estratéxico como o pesqueiro quede sen instrumentos específicos de financiamento. A proposta da Comisión dilúe os fondos nunha amálgama que nada garante. O Goberno español debe defender con firmeza a continuidade do FEMPA como fondo exclusivo para a pesca” demanda o deputado nacionalista.
“No actual contexto de emerxencia climática, eliminar fondos pensados para a sustentabilidade e o equilibrio territorial é unha irresponsabilidade absoluta. Os recortes van na dirección contraria ao que precisamos: máis apoio ao rural e á pesca, máis soberanía alimentar e máis compromiso co medio ambiente” subliña Rego.
Un modelo de orzamentos ao servizo do belicismo
O BNG considera que a proposta orzamentaria responde a unha lóxica militarista imposta pola OTAN e asumida con entusiasmo pola UE e critica que o Goberno español non se opoña con firmeza a esta deriva. “Non se pode ser cómplice dun modelo que recorta en benestar e aposta pola militarización como resposta a todas as crises” afirma Rego.
O deputado alerta de que estes recortes, se non foren freados, serán só os primeiros. “O mesmo Secretario Xeral da OTAN, Mark Rutte, recoñeceu que habería que facer ‘sacrificios en sanidade ou en pensións’. Neste sentido, o BNG insiste en que cada euro dedicado a gasto militar “é un euro que deixa de destinarse a mellorar o benestar social, a servizos públicos como sanidade, educación, vivenda ou atención á dependencia”.
Contradición do Goberno: do emprego na industria europea á compra de armas a EUA
Rego tamén denuncia a contradición flagrante do Goberno español, que xustificou o incremento do gasto militar prometendo que este serviría para xerar emprego na industria europea e no Estado español. “A realidade vén a demostrar todo o contrario: o recente acordo da UE cos Estados Unidos certifica que os investimentos militares europeos van ir parar á compra de armamento ao complexo militar-industrial norteamericano” critica.
O acordo inclúe compromisos para a compra de armamento, combustíbeis fósiles e mesmo investimentos industriais nos EUA por centos de millares de millóns de euros. Para o BNG, isto implica un “atentado directo contra calquera política de reindustrialización europea” e desmonta a retórica da suposta ‘autonomía estratéxica’ da UE. “É un modelo absolutamente submiso aos intereses do imperialismo norteamericano, que prexudica gravemente á Galiza e aos pobos de Europa” destaca Rego.
O BNG reclama unha resposta firme do Estado español
Frente a este escenario, o BNG insta o Goberno do Estado a exercer unha oposición clara e contundente ao novo marco orzamentario e ao acordo con Estados Unidos. “Non serve dicir que se apoia ‘sen entusiasmo’, como fixo Pedro Sánchez. Se é prexudicial —como é—, a única posición digna é rexeitalo”, sentencia Rego.
O BNG chama a defender os intereses sociais, económicos e ambientais da cidadanía galega e do conxunto dos pobos do Estado, rexeitando a deriva belicista e subordinada que a UE está a asumir. “É hora de colocar no centro as necesidades reais da xente e deixar de entregar recursos públicos ao lobby armamentístico norteamericano” conclúe.