Redacción •  Galicia •  30/03/2021

«De que lado está o alcalde de #Celanova?»

Desde o BNG preguntámonos hoxe, de que lado (do da democracia ou do do fascismo campante) está o alcalde, e con el o grupo de goberno municipal no que teñen presencia membros do PSdeG-PSOE?

«De que lado está o alcalde de #Celanova?»

Comunicado BNG de Celanova

O grupo de goberno (CD + PSOE) négase a levar o Pleno do día 7 de abril a moción presentada polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova pedindo que se cumpra a lei estatal de Memoria Histórica (2007, goberno Zapatero).

O alcalde consinte que un grupo de presión ultradereitista utilice a súa imaxe desde hai máis dun mes nunha campaña que pide incumprir a lei.

O BNG manifestou o seu apoio á demanda do Comité, mesmo co apoio da portavoz nacional, Ana Pontón, o manifesto o que se adheriron máis de setenta asociacións de memoria e colectivos do país, así como a maioría dos historiadores que traballan na Galiza no ámbito da Memoria Histórica e destacados intelectuais, entre eles, dous ex presidentes da RAG.

O BNG manifesta acotío o seu compromiso antifascista e coa Memoria Histórica, por iso entre os acordos para a investidura deste alcalde que agora deixa utilizar a súa imaxe, desatendendo o respecto coa institución democrática que representa, obtivo o compromiso por parte del de aplicar a lei sobre o monumento fascista do Outeiro da Obra, cuxo carácter de símbolo de exaltación do golpe de Estado, da guerra e do franquismo vén de ser determinado nun amplo informe polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova.

Este informe revela, entre outras cuestións que teñen que ver coa lei en vigor, quen impulsou a construción do símbolo: unha unidade militar falanxista que se estableceu en Celanova ao final da guerra con dous obxectivos claros, a vinganza sanguenta sobre os vencidos, representados nos presos do cárcere, e sementar o medo entre a poboación como advertencia contra calquera disidencia ou desafección o réxime. O estudo revela as datas, os detalles da inauguración, as inequívocos mensaxes de exaltación da violencia fascista que se lanzaron nos discursos e a recorrente utilización do símbolo para a homenaxe esa violencia e a xustificación da barbarie, mesmo a encomenda que deixaron os asasinos da democracia: «espero que sabréis perpetuar esta cruz que nosotros os legamos como recuerdo de nuestros muertos» (en palabras do comandante fascista Fernández Cuesta, un apelido que tamén deixou a súa pegada nesta historia).

Pois ben, diante da contundencia deste informe -o máis amplo, documentado e concluínte dos que teñen sostido unha demanda de retirada de simboloxía franquista ao abeiro da lei no país desde a promulgación da lei no 2007-, o alcalde de Celanova non só mira para outro lado, senón que consinte que se utilice a imaxe da máxima representación institucional da vila por parte de ultradereitistas contrarios a lei, e négase a elevar o Pleno a demanda de VERDADE, XUSTIZA e REPARACIÓN (un mandato da ONU para todas as nacións democráticas).

Por iso desde o BNG preguntámonos hoxe, de que lado (do da democracia ou do do fascismo campante) está o alcalde, e con el o grupo de goberno municipal no que teñen presencia membros do PSdeG-PSOE?

O recorrido da moción

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova rexistro a principios de marzo unha moción dirixida aos grupos que se pode consultar aquí.

O BNG asumiu esa moción e pediu o alcalde que a elevase a pleno, tal e como permite o art. 82.3 do ROF.

O alcalde negouse e a moción parece que non figurará na orde do día do Pleno do 7 de abril. O BNG é o único grupo da corporación que a día de hoxe asumiu a demanda e se manifestou a favor de aplicar a lei.


símbolos franquistas /