Redacción •  Galicia •  29/08/2021

BNG urxe o Ministerio de Asuntos Exteriores evacuar ao patrón galego retido no Iemen

  • Néstor Rego alerta da celebración dun novo xuízo “cuestionábel” e que “non contará coas mínimas garantías do punto de vista humanitario”.
  • A organización nacionalista reclama a implicación do Goberno do Estado para que Costas Villar poida volver a casa e solicita medidas de apoio para a familia do patrón.
BNG urxe o Ministerio de Asuntos Exteriores evacuar ao patrón galego retido no Iemen

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) rexistra no Congreso iniciativas para que o Goberno do Estado leve a cabo as actuacións necesarias para impulsar e facilitar a saída inmediata de Iemen do patrón galego do barco “Cobija”, Pablo Costas Villar, despois de once meses retido en condicións infrahumanas. Así mesmo, o deputado da organización nacionalista, Néstor Rego, reclama medidas de apoio para a familia de Costas Villar e unha comunicación fluída co patrón galego ante a situación de emerxencia humanitaria en que se atopa.

O barco “Cobija” fondea coa correspondente autorización do goberno iemení no porto de Al Mukalla. A súa tripulación está composta por 32 persoas de distintas nacionalidades entre as que se atopan o patrón galego chamado Pablo Costas Villar, de Bueu, o primeiro oficial de nacionalidade rusa, un peruano, 7 namibios, 4 senegaleses e 18 indonesios.

Após de que fosen acusados por Australia de pesca ilegal, retidos no porto en que fondeaban, foron xulgados e condenados a tres meses de arresto, pena que xa teñen cumprida. “Levan once meses retidos, oito meses máis do tempo que estipulaba nun primeiro momento a sentenza. A única persoa que foi evacuada do barco foi o primeiro oficial, de nacionalidade rusa, despois de pórse en contacto co seu consulado” explica o deputado do BNG, Néstor Rego.

Mentres tanto, continúa o deputado nacionalista, o patrón galego “está vivindo un auténtico calvario, posto que ao progresivo deterioro do barco súmaselle a falta de hixiene, de atención médica e incluso de alimentos e auga”. A estes factores tamén cabe engadir “a inoperatividade manifesta” do Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación (MAEC) español que “non exerce as súas competencias áxilmente para lograr a repatriación do patrón galego”.

“Non pode ser asumíbel que as únicas accións que se levaron a cabo, por parte do Ministerio, fosen unhas chamadas telefónicas que xa non suceden, e recomendarlle ao patrón de Bueu que buscara pola súa conta un avogado e un tradutor” recrimina Rego. Paralelamente, representantes dos gobernos de Indonesia e Senegal xa se desprazaron até Al Mukalla para interesarse persoalmente polos seus concidadáns. “Agora, a tripulación que segue retida están esperando, impasíbeis, a celebración dun novo e cuestionábel xuízo nun país inmerso nun conflito bélico “sen as mínimas garantías mesmo do punto de vista humanitario” enfatiza o deputado.

Para a formación nacionalista, o MAEC debe facer o que sexa necesario de forma urxente para lograr a liberación inmediata de Pablo Costas Villar e facilitar que volva xa a súa casa e coa súa familia.


Gobierno de España /  Yemen /