Xubiladas e Pensionistas rexeitan a pretensión da Xunta de desviar a súa responsabilidade ante a situación da dependencia
- Convocan mobilizacións o 30 de outubro e o 18 de decembro para exixir un sistema público de atención á dependencia que responda ás necesidades reais da poboación

O Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG valora negativamente as declaracións do conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, a respecto do recurso presentado polo goberno central diante do Tribunal Constitucional contra a lei de acompañamento dos orzamentos do ano 2024, e concretamente contra o artigo 45 desa lei, que xunguía a valoración da dependencia e a da discapacidade.
Considera que a Xunta, a través das declaracións do Vicepresidente, pretende desviar a outros a responsabilidade da situación actual da atención á dependencia, unha realidade ben coñecida e que desde o Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG veñen denunciando os últimos anos: as enormes esperas para acceder ás valoracións da dependencia, que se acumulan desde hai anos e que condenan a milleiros de persoas maiores e dependentes a unha situación de abandono institucional, mesmo falecendo sen ter sido valoradas ou sen ter recibido as prestacións ás que teñen dereito.
Advirten que fronte á pasividade e á falta de vontade política da Xunta de poñer medidas reais que solucionen esta situación, “vímonos mobilizando e continuaremos a facelo, porque sabemos que, na realidade, na folla de ruta da Xunta do PP non está o obxectivo dunha atención digna a dependentes e maiores, senón aproveitarse de nós para que empresas amigas se lucren á costa da nosa saúde, da nosa autonomía e das nosas vidas”.
Cualifican de “inaceptable” que Calvo presente como “plan de choque” unha medida “claramente insuficiente, cando non mesmo contraproducente” da forma en que se fixo, mentres as listas de agarda seguen a aumentar e miles de persoas non reciben a atención e os dereitos que lles corresponden. “As súas palabras non agochan a realidade dunha política social que deixa á intemperie ás persoas máis vulnerables, ao tempo que emprega a confrontación co Estado como escusa permanente”, afirman.
Desde o Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG reiteran que continuará a denunciar publicamente esta situación e a reclamar unha atención digna para as persoas maiores e dependentes. Por iso, neste mes de outubro iniciarán unha nova campaña con mesas informativas en todo o país e convocarán mobilizacións o 30 de outubro e o 18 de decembro, esixindo un sistema público de atención á dependencia que responda ás necesidades reais da poboación.