Redacción •  Galicia •  26/06/2025

BDS Galiza inicia as mobilizacións no Resurrection Fest ante o silencio da promotora Bring the Noise

BDS Galiza inicia as mobilizacións no Resurrection Fest ante o silencio da promotora Bring the Noise

Esta mañá tivo lugar en Viveiro, diante do recinto do Resurrection Fest, unha rolda de prensa convocada por BDS Galiza para anunciar o inicio dunha campaña pública de denuncia e protesta ante a falta de resposta da promotora Bring the Noise ás demandas do movemento BDS, impulsado pola maior coalición da sociedade civil palestina.

Durante o acto, integrantes de BDS Galiza explicaron que, nas últimas semanas, enviaron varias comunicacións á promotora —propiedade de Superstruct e, en última instancia, do fondo KKR— solicitando unha reunión e propoñendo medidas concretas para garantir que os festivais galegos non sexan cómplices da ocupación e o apartheid israelís. A empresa non respondeu a ningunha destas comunicacións.

Diante deste silencio, e nun contexto internacional marcado polas advertencias do Tribunal Internacional de Xustiza sobre o risco de xenocidio en Gaza, o colectivo dá comezo a unha serie de concentracións pacíficas diarias ás 20:00 h durante os días do festival, na entrada do Resurrection Fest, para reclamar o cumprimento dos 4 mínimos éticos do movemento BDS.

BDS Galiza reafirmou a súa vontade de diálogo e reiterou que o obxectivo destas accións non é atacar ao festival ou ao seu público e que non se está a chamar ó boicote oficial do mesmo polo momento, senón que a intención é denunciar a implicación de KKR en empresas cómplices de crimes de guerra, e pedir que o Resurrection Fest se desmarque publicamente destes investimentos cumprindo os 4 mínimos éticos palestinos.

A campaña continuará nos próximos días con máis accións informativas, distribución de materiais e presenza nas rúas de Viveiro.


Palestina /