Mobilízanse no hospital Álvaro Cunqueiro para chamar a participar na manifestación nacional de SOS Sanidade
- Durante a protesta denunciouse a situación de colapso na que se atopa a área sanitaria viguesa.

A plataforma SOS Sanidade Pública de Vigo desenvolveu esta mañá unha mobilización no interior do Hospital Álvaro Cunqueiro, “na ‘zona 0’ dos recortes sanitarios en Galiza”, para denunciar a situación de colapso que está a sufrir a sanidade pública da área sanitaria e facer un chamamento a participar na manifestación nacional do domingo 1 de febreiro en Santiago.
Coa protesta de hoxe quérese poñer de manifesto que os problemas que atravesa a atención sanitaria na comarca “non é só froito do desleixo, senón que é o síntoma principal das continuas políticas de recortes e privatización da que a nosa área semella ser banco de probas”. Unha problemática que é consecuencia das condicións nas que se fixo a licitación, a construción e a xestión do hospital. “A Plataforma e a cidadanía demos contestación ao cambio de proxecto denunciando publicamente e mesmo xudicializando ilegalidades detectadas na licitación deste centro”.
Posteriormente un informe do Consello de Contas confirmou as denuncias que se acumulan dende o cambio de modelo de hospital e cuestionou a legalidade de determinados aspectos da licitación, “polo que exiximos responsabilidades políticas”.
Dende a Plataforma lembran que o Álvaro Cunqueiro volveu ser noticia recentemente polo colapso no servizo de urxencias, “que evidenciou problemas non só en urxencias senón na falta de camas, existindo demoras de días para trasladar doentes a plantas”.
