Redacción •  Galicia •  23/06/2022

Galicia en Común pregunta ao Goberno pola folla de ruta para o estudo do derrube da A-6

O grupo parlamentario confederal Unidas Podemos-En  Comú  Podem-Galicia en Común rexistrou unha iniciativa dirixida ao Ministerio de Transportes sobre as causas do derrube de varios tramos do viaduto de Castro, na A-6. 

Galicia en Común pregunta ao Goberno pola folla de ruta para o estudo do derrube da A-6

“Necesitamos transparencia nos plans do Goberno para a reposición dunha infraestrutura que utilizan diariamente 15.000 persoas”, explica o deputado e secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino. “A prioridade debe ser o esclarecemento dos motivos deste accidente para poder acometer as futuras obras de reconstrución coas máximas garantías de seguridade”.

A formación defendeu tamén o estudo da situación do viaduto paralelo pechado actualmente ao tráfico, xa que entre as posibles causas que apuntan algúns expertos atópanse fallos xeolóxicos debido á inestabilidade do terreo, o que afectaría polo tanto a ambas infraestruturas. “Hai unha situación de risco que non se pode descartar ata que se obteñan os resultados das análises e se rematen unha serie de obras”, sinala o deputado.

Galicia en Común sumouse ás demandas a nivel municipal e comarcal para a procura de medidas de reforzo e alternativas para liberar a saturación e a densidade de tráfico na travesía de Pedrafita do Cebreiro, por onde se desvían agora os vehículos. “Os prazos para os estudos e reconstrución da infraestrutura se prevén longos e debemos buscar alternativas para liberar as retencións e facilitar a circulación segura dos galegos e as galegas”.

“Non deixa de sorprendernos que esta obra que só ten 21 anos, executada pola construtora de Florentino Pérez e tachada por Fraga como a maior obra de enxeñería, esborrallouse dúas veces. Respostas, ante todo”, apostilou Gómez Reino.

Podes ver aquí a nosa iniciativa.


Galicia en Común /