Redacción •  Galicia •  22/10/2021

Gómez Reino reivindica no Congreso modelos alternativos a Sogama que fomenten a xestión de residuos de proximidade

Antón Gómez Reino mantivo unha xuntanza co comité da empresa do Complexo Ambiental da Serra do Barbanza.

Gómez Reino reivindica no Congreso modelos alternativos a Sogama que fomenten a xestión de residuos de proximidade

Galicia en Común rexistrou no Congreso unha iniciativa parlamentaria dirixida ao Ministerio para a Transición Ecolóxica sobre a situación do Complexo Ambiental da Serra do Barbanza, xestionado pola Mancomunidade a través dunha concesión ata o 2023.

O deputado Antón Gómez Reino mantivo unha reunión co comité de empresa, que representa aos 150 traballadores desta planta para demostrar a súa preocupación pola falta de compromiso por parte da Mancomunidade, que se traduce nunha falta de investimentos no mantemento da planta, a renovación da maquinaria e na mellora dos procesos.

“A planta de tratamento de lixo de Lousame demostrou a súa eficacia e o seu compromiso co medio ambiente coa produción de compost cun modelo alternativo a Sogama, a través da xestión de residuos de proximidade, que equivale a unha menor contaminación e a unha mobilidade máis sostible”, alegou Gómez Reino. As ratios de recuperación no CM Barbanza no 2018 foron de 51 kg/hab fronte aos 13kg/hab ano do modelo Sogama, o que demostra que o modelo húmedo-seco é factible tanto ambiental como tecnicamente.

O Complexo Ambiental de tratamento de residuos sólidos urbanos (RSU) e asimilables da Mancomunidade de concellos da Serra do Barbanza presta na actualidade servizo para unha poboación de ao redor 8.000 habitantes (Lousame, Brión, Porto do Son, Ames, Rois, Carnota, Muros, Pontecesures, e Noia).

Este sistema está a conseguir uns niveis de reciclaxe moi positivos e superiores ao modelo Sogama, un modelo millonario abandeirado por Feijóo e cuestionado constantemente polas asociacións ecolóxicas galegas. Agora, a Xunta de Galicia anunciou que a Unión Europea non financiará modelos alternativos a Sogama, e achaca esta decisión a unha información que partiu do Miteco. É por isto, que a formación preguntou ao Goberno se efectivamente esta nota interpretativa existe e desestima, por ende, o sistema do Complexo Ambiental do Barbanza.

“A planta de Lousame non pode converterse nunha planta de transferencia de Sogama só porque a Xunta quere seguir fomentando o negocio. Temos que garantizar os postos de traballo nunha planta que é viable e que responde ás demandas ecolóxicas actuais nun contexto de cambio climático”, engadiu Gómez Reino.


Galicia en Común /