Redacción •  Galicia •  20/04/2021

Esquerda Unida apoia as concentracións de SOS Sanidade Pública convocadas para este mércores 21 de abril

Esquerda Unida anuncia a súa participación nas diferentes concentracións convocadas nas principais cidades e vilas galegas ás 20h do vindeiro mércores día 21 por SOS Sanidade Pública.

Esquerda Unida apoia as concentracións de SOS Sanidade Pública convocadas para este mércores 21 de abril

Compostela, 20 de abril de 2021. A Pandemia da COVID-19 viu a estresar aínda máis a un sistema sanitario público que acumulaba enormes carencias logo de doce anos de recortes de persoal e medios.

As listas de agarda foron incrementándose en atención hospitalaria debido ás paralizacións de probas e quirófanos motivadas polas sucesivas ondas da Pandemia. Sen embargo, nos meses de mellora nada se está a facer para facer fronte ao crecemento da agarda nas diferentes especialidades, obviando que a urxencia da COVID non significou que o resto de enfermidades agudas e crónicas de distintas gravidades desaparecesen.

Pero a peor parada logo dun ano de Pandemia é a atención primaria. A Xunta de Galicia aproveitou a situación sanitaria para implantar a teleasistencia indiscriminadamente, algo que está afectando gravemente á calidade da atención e dificultando ás persoas maiores ou con diversidade funcional acceder por vía telemática ás consultas.

Esquerda Unida defende que, salvo en casos específicos que poida valorar o profesional, as consultas por defecto deberan ser presenciais para poder ser escoitadas, observadas e exploradas en persoa.

Por outra parte, os orzamentos para este 2021 continúan a ser escasos e non permitirán recuperar a perda de persoal de máis dunha década, obviando así a Xunta as recomendacións das administracións europeas de investimento dos fondos COVID chegados da UE en materia de servizos públicos.