Redacción •  Galicia •  17/10/2021

CCOO reclama máis protección social para case seiscentos mil galegos e galegas que viven por baixo do limiar da pobreza

  • O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) reclama máis protección social para os case seiscentos mil galegos e galegas que viven por baixo do limiar da pobreza. Nesta liña, a actuación máis urxente é a modificación da RISGA para facela compatible co ingreso mínimo vital, tarefa á que a Xunta se comprometeu, «pero na que leva xa máis dun ano de atraso», denuncia o sindicato. Ante a proximidade do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, que se conmemora este domingo, CCOO fai público un estudo que analiza a dimensión deste fenómeno no noso país.
CCOO reclama máis protección social para case seiscentos mil galegos e galegas que viven por baixo do limiar da pobreza

A secretaria de Emprego e Protección Social de CCOO, Maica Bouza, matiza que a análise e avaliación da pobreza «reviste unha gran complexidade» debido á disparidade de parámetros que se utilizan na súa medición. Mídanse como se midan, os niveis de pobreza «alcanzan cotas inaceptables», polo que é «imprescindible» aproveitar as etapas de crecemento económico para desenvolver políticas que combatan a pobreza laboral, a precariedade e a desigualdade.

Segundo a enquisa de condicións de vida do INE (con datos do 2019), case seiscentos mil galegos e galegas, o 22,1 % da poboación, viven por baixo do limiar da pobreza (9626 euros para unha persoa soa). Un dato máis actualizado (do 2020), o do número de fogares sen perceptores de ingresos, sitúaos nos 34 100, cifra onde xa se recolle parcialmente o impacto da pandemia, cun aumento de 6600 sobre o ano anterior.

Modificar a RISGA

Para Maica Bouza, neste «grave contexto» as redes de protección social «deben desempeñar un papel determinante», especialmente no que se refire ao sistema público de pensións e as rendas de inserción. As dúas primeiras van ligadas en maior medida á vida laboral e, como CCOO detalla neste estudo, a situación de pobreza conflúe con vidas laborais intermitentes e precarias.

Por esta razón, «a prestación que debería darlles cobertura aos galegos e galegas en situación de necesidade é a RISGA, que debe modificarse para facela compatible co ingreso mínimo vital e cubrir aquelas situacións onde este non chega». Así mesmo, o sindicato demanda máis flexibilidade nos requisitos, menos burocracia e, en consecuencia, máis orzamento. «Estes son pasos imprescindibles se queremos reducir a pobreza e a exclusión social en Galicia», sinala Bouza.

Emprego de calidade

Para CCOO, o chamado «escudo social» despregado para combater o impacto da covid, o ingreso mínimo vital e o incremento do salario mínimo, «deron bos resultados pero non abonda». Pide a implicación da Xunta e do Goberno central para darlle a volta a esta situación. En concreto, cambiar a normativa laboral para promover o emprego de calidade; reforzar as políticas activas de emprego; ampliar a protección por desemprego; mellorar os salarios; garantir unha vivenda digna; elevar o IPREM; desenvolver un sistema fiscal progresivo e xusto e consolidar o sistema público de pensións.


CCOO /