Redacción •  Galicia •  17/09/2026

BNG esixe o cese inmediato do conselleiro de Emprego por ter na empresa familiar traballadores inmigrantes explotados

Rodil: “É impresentable porque estamos a falar do responsábel político que debe velar polos dereitos laborais das traballadoras e traballadores deste País”, declara.

Criticou que o mesmo conselleiro que criminaliza ás traballadoras e traballadores por enfermar e que promove recortes nos dereitos á baixa explote traballadores na súa empresa.

BNG esixe o cese inmediato do conselleiro de Emprego por ter na empresa familiar traballadores inmigrantes explotados

A viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, pediu o cese inmediato do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, tras coñecerse a noticia “gravísima” coa que amencemos hoxe na que se informa que a bodega familiar do titular da Xunta foi sancionada por explotar inmigrantes sen papeis durante a vendima nas súas vides en Ribadavia, o que cualificou de “absolutamente indecente”.

“Isto é impresentable e pedimos o cese inmediato por esta indecencia e irregularidade por ter traballadores inmigrantes explotados,  sen dalos de alta na Seguridade Social, en situación de irregularidade administrativa apañando uva na adega”, declarou.

“Estamos a falar do responsábel político que debe velar polos dereitos laborais das traballadoras e traballadores deste País, como é posible que o conselleiro de Emprego teña na empresa da súa familia traballadores explotados e sen dar de alta na Seguridade Social?, preguntou Rodil na rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces.

Lembrou ademais que esta “non é a primeira ilegalidade desta empresa”, que xa foi sancionada por irregularidades urbanísticas con anterioridade, aclarou. “É evidente que esta persoa non pode estar nin un minuto máis á fronte da consellería”, insistiu a viceportavoz do BNG. 

Considerou que o asunto é aínda máis grave porque se trata dun conselleiro que “leva, desde o minuto un, atacando, cunha campaña de acoso e derruba, contra os dereitos das traballadoras e dos traballadores galegos, criminalizándoas por enfermar e promovendo políticas encamiñadas a recortar o seu dereito á baixa”, proclamou.

“Xa vemos que é o que lle molesta ao Partido Popular cando falamos de emprego, os dereitos das traballadoras e dos traballadores, mesmo a súa regularización administrativa, porque hai que lembrar a campaña na que está instalado o Partido Popular en contra, a nivel estatal, o proceso de regularización de inmigrantes, porque, no fondo, parece que o que queren é que traballen nesa situación de máxima vulnerabilidade explotados nas súas empresas. É inadmisible”, rematou, volvendo pedir a dimisión do conselleiro.


explotación laboral /