Redacción •  Galicia •  17/07/2021

Desmantelada para chatarra a planta de tratamento da mina de Varilongo que levou máis de medio millón de euros a fondo perdido en axudas da Xunta de Galicia

Colectivos ecoloxistas e veciñais denunciaron a instalación por carecer das preceptivas autorizacións.

Desmantelada para chatarra a planta de tratamento da mina de Varilongo que levou máis de medio millón de euros a fondo perdido en axudas da Xunta de Galicia

A mineira australiana Rafaella Resources, propietaria da filial (Galicia Tin & Tungsten, S.L.) que obtivo os dereitos mineiros da mina de estaño e volframio de Varilongo, en Santa Comba, ven de desmantelar a planta de tratamento que fora instalada en 2012 cunha subvención a fondo perdido do IGAPE de 645.855 euros, a cargo do Fondo Europeo de Desenvovemento Rexional.

En outubro de 2012, o entón Director Xeral de Enerxía e Minas Ángel Bernardo Tahoces, hoxe imputado por prevaricación ambiental precisamente por ter aprobado un ano antes, en 2011, os proxectos de explotación e plan de restauración de Varilongo sen sometelos ao trámite de avaliación de impacto ambiental, dictara resolución aprobando o “Proxecto de instalación da planta de tratamento de minerais metálicos do Grupo Mineiro Santa Comba” de xuño de 2012.

O feito de que as intalacións aínda non estivesen autorizadas e que os propios informes técnicos do IGAPE consideraran o proxecto “cuestionable” e “de calidade marxinal” (segundo indicou o Consello de Contas de Galicia no seu “Informe de Fiscalización de Programas de I+D+i. Exercicios 2009-2010”), non impediu que o IGAPE concedese a subveción para a planta de tratamento. Un ano despois, en 2013, a empresa mineira ía a concurso de acredores.

A mesma empresa xa foi denunciada a finais de 2020 por verteduras con altas concentracións por metais pesados, o que levou a Augas de Galicia a iniciar un expediente sancionador. No mesmo punto dos vertidos, o denominado “transveral Carballeira”, o propio Concello de Santa Comba tivera que iniciar outro expediente de reposición da legalidade urbanística, por realizar obras sobre vías públicas sen autorización.

Para as organizacións denunciantes, o caso de Varilongo é paradigmático da corrupción e derroche de fondos públicos por unha administración cómplice das mineiras, temendo que o uso inapropiado dos fondos europeos se repita agora cos fondos NEXT Generation de inxectarse novamente nunha industria mineira totalmente especulativa e insostible.


Ángel Bernardo Tahoces /  Dirección Xeral de Enerxía e Minas /  Galicia Tin and Tungsten S.L. /  mina de Varilongo /  NEXT Generation /  Rafaella Resources /  Xunta de Galicia /