Redacción •  Galicia •  17/01/2022

CCOO denuncia que a situación do mercado laboral galego é a peor do Estado

A estatística indica que o paro rexistrado diminuíu en Galicia en só 163 persoas, un 0,11 %, porcentaxe 22 veces inferior á media do Estado (2,41 %). Na práctica, malia a redución do paro rexistrado, os datos de media mensual das afiliacións á Seguridade Social indican que se perde emprego mentres en España se crea.

CCOO denuncia que a situación do mercado laboral galego é a peor do Estado

En concreto, no último día de decembro reduciuse a afiliación en 11 237 persoas (-1,09 %) respecto ao mesmo período do mes anterior, unha perda nove vece por riba do dato estatal (-0,12 %). Como se indicaba, a variación da media mensual recolle unha diminución de 2714 persoas (-0,26 %), mentres que no Estado aumenta tres puntos (+3,06 %).

A precariedade segue a ser estrutural e a principal forma de acceso ao emprego para mulleres e mocidade. O groso do desemprego constitúeno as mulleres (seis de cada dez persoas paradas), ao tempo que a mocidade representa unha porcentaxe notable da poboación desempregada (máis de seis mil persoas desempregadas son menores de 25 anos). Asemade, o emprego creado ten data de caducidade no momento de se rexistrar o contrato (nove de cada dez contratos son temporais).

Malia a mala dinámica e os peores datos respecto do conxunto do Estado, as cifras tamén indican que Galicia conseguiu situarse en niveis previos á pandemia, con 152 584 persoas desempregadas ao remate do mes de decembro, un 19,52 % menos ca no mesmo mes do ano anterior.

Para a secretaria de Emprego de CCOO de Galicia, Maica Bouza, estas cifras deberían «motivar unha reflexión» por parte da Xunta, pois a normativa laboral básica é a mesma en Galicia ca en España. Neste punto, a sindicalista salienta a importancia da reforma pactada entre CCOO, UGT, a patronal e o Goberno do Estado para, entre outras cousas, «reducir a precariedade estrutural» que prexudica especialmente as mulleres traballadoras e a mocidade galega.

Esta reforma laboral tamén promove a estabilización do emprego, mellora a capacidade de negociación dos traballadores e as traballadoras e ofrece alternativas aos despedimentos (con medidas como os ERTE, fundamentais para manter o emprego nos peores momentos da pandemia).

CCOO demanda «altura de miras» de todos os grupos parlamentarios para ratificar un acordo que acadou o consenso dos axentes sociais e que é básico para mellorar as condicións de vida e traballo dos galegos e das galegas.

ANÁLISE POR SEXOS E SECTORES

En Galicia están no desemprego 64 743 homes (1276 máis que en novembro) e 87 841 mulleres (1439 menos que no mes anterior). A pesar da mellor evolución do emprego feminino, seis de cada dez persoas paradas (57,6 %) son mulleres. Atendendo ás idades, hai 6074 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego (542 menos ca en novembro) e 146 510 maiores desa idade (379 máis).

O paro medra en todos os sectores de actividade agás nos servizos, onde se reduce en 770 persoas: no primario hai 230 persoas desempregadas máis, na industria 255 e 647 na construción. No colectivo sen emprego anterior, o desemprego redúcese en 525 persoas. O funcionamento do emprego por sectores explica a evolución por idades e sexos: destrúese emprego nos sectores con maior presenza masculina de maior idade e créase emprego nas actividades con presenza feminina e de menor idade.

A evolución do desemprego por sexos e idades é a consecuencia da evolución sectorial do desemprego: créase emprego nas actividades máis feminizadas (como nos servizos), ao tempo que se destrúe nas máis masculinizadas (como na industria e a construción).

ANÁLISE DA CONTRATACIÓN

En decembro rexistráronse en Galicia 72 914 contratos, dos que 66 019 foron temporais e 6895 indefinidos. Os contratos temporais supoñen o 90 % do total de contratos rexistrados. O volume de contratos rexistrados en decembro foi inferior en 15 383 aos formalizados no mes de novembro (-17,42 %).

AFILIACIÓN Á SEGURIDADE SOCIAL

Canto á Seguridade Social, a afiliación media mensual cae en 2714 persoas, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1 032 784. Deste total, 803 892 corresponden ao réxime xeral, 209 008 ao de autónomos e 19 885 ao réxime especial do mar. A afiliación media en Galicia cae un 0,26 %, mentres que en España medra un 3,06 %.

En relación cos datos do último día de mes, a afiliación cae en 11 237 persoas, ata situarse en 1 021 907 afiliados e afiliadas, rexistrando unha caída do 1,09 % respecto de novembro, mais no Estado a caída é nove veces inferior (-0,12 %).

PRESTACIÓNS POR DESEMPREGO

En novembro pasado cobraron algún tipo de prestación por desemprego 86 347 persoas: 38 661 prestacións contributivas e 47 686 subsidios. Do total de prestacións contributivas por desemprego, 6625 corresponden a prestacións por ERTE covid.

En relación aos ERTE do mes de decembro, o cambio producido polo Real decreto lei 18/2021 non lle permite á Seguridade Social obter datos homoxéneos cos meses precedentes para realizar unha comparativa. Non obstante, para CCOO Galicia cabe sinalar que este mecanismo daba cobertura a 5276 persoas a final de ano, das cales 1060 estaban en ERTE non covid e 4216 en ERTE covid. Do total de persoas afectadas, 2433 son homes e 2843 mulleres.


CCOO /  CCOO Galicia /