Redacción •  Galicia •  15/11/2020

Antón Sánchez: «O coronavirus destapou unha realidade inhumana, o capitalismo feroz aplicado ás residencias de maiores»

O responsable político destapa en redes sociais as claves para comprender como a incidencia da Covid-19 presentou unha visión realista e descarnada sobre o suculento negocio montado arredor da terceira idade a nivel galego coa conivencia do PP de Feijóo e a sistemática parasitación do público por parte de empresas beneficiarias que operan a carón da Administración do actual Goberno da Xunta.

Antón Sánchez: «O coronavirus destapou unha realidade inhumana, o capitalismo feroz aplicado ás residencias de maiores»

Para o portavoz nacional de Anova o coronavirus non é o causante da situación de mal funcionamento ou precariedade de personal das residencias, senón que o que fixo «foi destapar un modelo enfocado no negocio a costa da saúde das persoas maiores». De feito, veu destapar «o que viñan denunciando as traballadoras e asociacións de familiares dende fai anos», que o negocio do modelo de residencias privatizadas da Xunta de Galicia «consistía en lograr beneficios a costa das condicións laborais das traballadoras e das condicións de vida das personas maiores», como así demostrou o sistemático incumprimento de ratios de persoal, unha alimentación precaria nas instalacións e en xeral «.un maltrato sistemático aceptado como normal».

Recorda Sánchez que familiares e traballadoras «non falaban por falar» porque no 2017 o Consello de Contas manifestou nun informe oficial que a pesar de existir denuncias por todos estes incumprimentos o Goberno galego con Alberto Núñez Feijóo á fronte non iniciou nin un só expediente sancionador.

Para o voceiro non se sabe si esto ten que ver «coa relación que ten o PP coas empresas que máis se beneficiaron da política de non habilitar nin unha soa praza pública en 11 anos e sí privatizar a xestión de miles, adxudicándoas a empresas como DomusVi ou a Fundación San Rosendo», en ambos casos «con evidentes relacións co PP e responsables por acción e mesmo que a Xunta por omisión desta situación».

Por iso critica con dureza a actitude de Josefina Fernández Miguélez, CEO de DomusVi, logo da súa comparecencia no Parlamento galego, unha impresión de «desfachatez, falta de empatía, sensación de impunidade e soberbia», o que «non pode ser doutro xeito vindo dunha persoa que medrou ao carón das políticas do PP facendo da saúde dos maiores un negocio enorme en moi poucos anos».

Alberto Núñez Feijóo facendo entrega dun premio a Josefina Fernández Miguélez, CEO de DomusVi / circulo.gal

De feito, «partindo dos restos das caixas e incluso con edificios cedidos de concellos cando era unha institución semipública esta empresa foise aproveitando da súa relación privilexiada co Partido Popular e con Feijóo«, sendo beneficiaria das privatizacións, dos bonos concilia, da restrición da construción de residencias públicas» e cunha Administración autonómica «que non actúa ante as denuncias de Inspección, familiares, traballadoras ou Consello de Contas» nunha mostra do peor exemplo de corrupción».

«Agora a Covid-19 destapou unha realidade inhumana, o capitalismo feroz aplicado ás residencias de maiores» -denuncia Sánchez- «cunha cifra de falecementos inasumible e cun comportamento coas familias degradante», algo que «non se pode permitir».

Para Antón Sánchez, este «é un escándalo que debería ter consecuencias políticas», en primeiro lugar coa asunción de responsabilidades, logo das graves deficiencias constatadas polo Consello de Contas. E a continuación coa «renuncia ao modelo privatizador/maltratador que pon o negocio no centro e despreza a vida das persoas maiores». Sen embargo, «lonxe de asumir responsabilidades e facer propósito de emenda parece que o Goberno galego non renunciará ao seu modus operandi», dado que «é moi probable que o Goberno Feijóo pretenda que centos de millóns dos fondos europeos de reconstrucción vaian ao sector dos coidados pero sen recunciar ao modelo privatizador. É dicir, que eses millóns acaben nos petos das empresas amigas».

Por estes motivos, recorda o voceiro, dende Anova trasladouse á plataforma de organizacións de familiares de persoas usuarias de residencias (REDE), unha proposta para que eses fondos sirvan para afrontar un cambio de modelo coa premisa previa da xestión pública. «Porque coa saúde da xente non se debería facer negocio«- sentenza-.


Alberto Núñez Feijóo /  Anova /  Antón Sánchez /  Consello de Contas /  coronavirus /  COVID-19 /  DomusVi /  Josefina Fernández Miguélez /  Parlamento de Galicia /  Partido Popular /  PP /  Xunta de Galicia /