Redacción •  Galicia •  15/10/2021

Gómez Reino: “Estes son os PGE máis xustos con Galicia”

Galicia é a comunidade autónoma onde máis subiron os investimentos.

Gómez Reino: “Estes son os PGE máis xustos con Galicia”

O deputado de Galicia en Común no Congreso, Antón Gómez Reino, fixo unha valoración inicial sobre o proxecto dos Orzamentos Xerais do Estado para 2022 que presentou este mércores a Ministra de Facenda, María Jesús Montero.

“Son uns orzamentos fundamentais para reconstruír o país despois de décadas de políticas de austeridade dos gobernos do Partido Popular. Estes son os  PGE máis xustos con Galicia. Estamos satisfeitas”, engadiu Gómez Reino. “Estes PGE son unha oportunidade para construír un país ecoloxista, feminista e baseado na xustiza social. É o maior investimento público da historia: 6 de cada 10 euros dos PGE destínanse a políticas sociais, con 600 millóns de euros de máis para a atención á dependencia, un incremento histórico que duplica ao do ano anterior e que vai supoñer que as axudas cheguen a 10.940 novas familias en Galicia.”

Así, fixo fincapé nos investimentos incluídos nos PGE para o desenvolvemento e a mellora das comunicacións por estrada en Galicia, tamén en materia ferroviaria, nos portos do Estado, na rexeneración das rías galegas e na mellora das instalacións en Navantia, varias liñas de traballo que Galicia en Común traballa desde o Congreso.

Gómez Reino sinalou o papel fundamental de Unidas Podemos nestes PGE, que deixan acordos históricos como a Lei de Vivenda coa ampliación dun 15% do imposto de sociedades, o despregamento da Lei Orgánica de Protección Integral á Infancia e á Adolescencia cun investimento de 25 millóns e unha partida de máis de 12.500 millóns de euros para investir na mocidade, un aumento do 84,8%, que mellorarán a vida das ao redor de 400.000 galegas de entre 18 e 35 anos.

O aumento nas pensións mínimas e as non contributivas e os recursos extraordinarios destinados ás comunidades autónomas mellorarán a vida dos 680.000 pensionistas en Galicia. Gómez Reino, presidente na comisión de Traballo, fixo fincapé nos 7.600 millóns destinados a reforzar as políticas de emprego. “As políticas transformadoras de Yolanda Díaz xa asentaron as bases para unha reconstrución tras a covid-19 desde a xustiza social, e estes PGE, continúan na dirección da defensa dos dereitos que melloren a vida de todas”.

“Os investimentos en Galicia para o proxecto PGE 2022 supón un incremento de 133 millóns sobre os de 2018, os últimos do Partido Popular. Fronte ás súas mentiras, os datos están aí” engadiu o deputado.

Podes escoitar aquí o audio.


Galicia en Común /