Redacción •  Galicia •  13/11/2020

EU promove declaracións institucionais en solidariedade co Sáhara Occidental ante a violación do alto ao fogo por parte do Reino de Marrocos no Guerguerat

Esquerda Unida manifestou publicamente a pasada semana a súa preocupación polas actuacións hostís que o exército marroquí estaba mantendo contra os manifestantes saharauís que protestaban no Guerguerat polo uso ilegal deste paso fronteirizo. Nas últimas horas vén de producirse a violación do acordo de Alto ao Fogo mediante unha operación militar por parte do exército de Marrocos, causando así un conflito armado.

EU promove declaracións institucionais en solidariedade co Sáhara Occidental ante a violación do alto ao fogo por parte do Reino de Marrocos no Guerguerat

Compostela 13 de novembro de 2020. Xusto neste 2020 cúmprense 45 anos do abandono do Sáhara Occidental por parte do Reino de España. 45 anos nos que o pobo saharauí leva soportado o exilio forzoso en campos de refuxiados, o espolio dos seus recursos e o abandono da Comunidade Internacional, incapaz de dar cumprimento aos seus propios acordos, que suporían convocar o referendo de autodeterminación aprobado pola ONU.

Coa violación do Alto ao Fogo actual por parte do Reino de Marrocos, o pobo saharauí vese unha vez máis atacado pola forza ocupante, cun elevadísimo risco para a integridade de milleiros de persoas, polo que Esquerda Unida entende que é urxente que o Goberno de España, como potencia administradora de iure, estableza un traballo diplomático para evitar a guerra sen que esta signifique a renuncia do pobo saharauí á defensa da integridade do seu territorio e os dereitos humanos da poboación afectada pola ocupación marroquí.

Esquerda Unida entende que as accións diplomáticas deben ir encamiñadas a acordar unha data firme de  celebración do referendo de autodeterminación do Sáhara Occidental en cumprimento dos acordos internacionais e poñer canto antes fin a unha inxustiza histórica.

Neste senso, Esquerda Unida presentará mocións nos diferentes concellos galegos solidarizándose co Sáhara Occidental e demandando que estas actuacións se fagan efectivas canto antes.


Sahara Occidental /