Solidariedade Obreira •  Galicia •  12/08/2026

Rematar co chan pegañento

A Inspección de Traballo sanciona a Garbialdi por incumprir o seu Plan de Igualdade e impedir que as traballadoras da limpeza teñan acceso á promoción profesional.

Rematar co chan pegañento

No sector da limpeza existe unha realidade que levamos anos denunciando: as mulleres entramos como peóns a xornada parcial e rematamos a nosa vida laboral coa mesma categoría, sen posibilidades de ascenso nin de completar a xornada.

Non porque nos falte formación, capacidade ou experiencia, senón porque as oportunidades, simplemente, non chegan.

A recente actuación da Inspección de Traballo volve poñer de manifesto esta realidade. A Inspección iniciou dous expedientes sancionadores contra Garbialdi, S.A., anterior adxudicataria do servizo de limpeza de Correos e Correos Express na provincia da Coruña, por incumprir o seu Plan de Igualdade e non garantir o dereito do cadro de persoal a coñecer as vacantes para promocionar profesionalmente.

Non estamos a falar dun simple incumprimento administrativo. Estamos a falar de discriminación estrutural.

Neste servizo, a praza de encargada quedou vacante ata en seis ocasións. Eran seis oportunidades para que unha traballadora puidese acceder a unha categoría superior e completar a súa xornada. Porén, esas vacantes nunca foron ofertadas ao cadro de persoal, impedindo que as traballadoras puidesen optar á promoción.

Este caso non é unha excepción, senón o reflexo dun problema estrutural.

A limpeza é un sector feminizado, precarizado e marcado pola parcialidade das xornadas. As mulleres realizamos maioritariamente as tarefas manuais, como a limpeza de baños, o desempolvado, o varrido ou o fregado. Pola contra, persiste unha clara segregación ocupacional por razón de sexo. Os postos con xornada completa, as categorías superiores e as funcións especializadas continúan ocupados maioritariamente por homes, aos que se lles reservan tarefas como o manexo de maquinaria, a limpeza de cristais ou os traballos en altura.

Esta desigualdade tamén se reflicte nos postos de responsabilidade, que raramente están ao alcance das traballadoras da limpeza. En lugar de favorecer a promoción interna das persoas que levan anos sostendo o servizo e coñecen perfectamente o seu funcionamento, estes postos adoitan cubrirse mediante con persoal alleo ao sector.

Mais a desigualdade non remata aí. Tamén nos espazos de representación sindical persiste unha fenda de xénero. A pesar de sermos maioría nas empresas do sector, seguimos sendo minoría nas presidencias dos comités de empresa, o que evidencia que a desigualdade tamén condiciona o acceso aos espazos de decisión e representación.

E esta non é a primeira vez que acontece neste servizo. Antes de Garbialdi, Grupo Norte foi sancionada pola Inspección de Traballo por non dispoñer dun Plan de Igualdade. Posteriormente, SCT ACVA, S.L. tamén foi sancionada polo mesmo motivo. Garbialdi si contaba cun Plan de Igualdade, pero a Inspección concluíu que non o aplicou.

O máis preocupante é que o problema continúa. A actual adxudicataria, ISS Facility Services, tamén ten requirimentos da Inspección de Traballo por incumprimentos relacionados coa promoción profesional recollida no seu Plan de Igualdade. As vacantes de categorías superiores seguen a cubrirse mediante contratacións externas.

Os Plans de Igualdade non poden ser papel mollado. Teñen que servir para garantir a igualdade de oportunidades e reverter as discriminacións que as traballadoras vimos padecendo.

Por iso, imos seguir denunciando cada incumprimento e esixindo que estes plans se cumpran de maneira efectiva. Porque a igualdade real non consiste só en rexistrar un Plan de Igualdade: consiste en garantir que as traballadoras poidan promocionar, acceder ás categorías superiores, aos postos de responsabilidade e a completar as súas xornadas. E niso non imos dar nin un paso atrás.


trabajadoras de la limpieza / 

Información en la que puede confiar:

Reuters, la división de noticias y medios de comunicación de Thomson Reuters, es el mayor proveedor de noticias multimedia del mundo, con un alcance diario de miles de millones de personas en todo el mundo. Suscríbase a nuestro boletín informativo diario gratuito: thomson@reutersmarkets.com