O PP perpetra un golpe contra o pluralismo impoñendo unha lei que pon a CRTVG ao seu servizo
O goberno de Rueda utilizou a súa “maioría absolutista”, desouvindo as demandas do persoal, da sociedade galega e do resto de formacións políticas

Cunha xornada de folga e unha concentración diante do Parlamento de Galiza recibía o persoal da CRTVG e a plataforma “Por unha CRTVG ao Servizo do Pobo” a nova lei de medios imposta polo PP. Unha lei que avanza nun modelo de radio e televisión en Galiza menos democrática, máis privatizada e menos galega.
Así o denunciaba ao inicio da concentración Tereixa Navaza, quen en representación da plataforma lembrou como os gobernos do PP se sustentan na “mentira”. Acusación que ilustrou con exemplos como que “mentiron durante anos, seguen mentindo, dicindo que a autoría non é de quen foi”, no atentado do 11M de hai hoxe 21 anos; nas responsabilidades da DINA en Valencia ou nas mortes nas residencias de Madrid.
Por iso considerou máis importante aínda o papel que xogan as traballadoras e traballadores da CRTVG, loitando polo seu dereito a dicir “a verdade permanente, cada minuto, cada día”. Unha loita que considerou que “anima, conmove, emociona e activa á cidadanía”.
ILP para liberar á galega
Fronte á lei de medios que hoxe se aprobaba no Parlamento, feita a medida das necesidades do Partido Popular, Navaza salientou a ILP impulsada pola Plataforma e que ten como obxectivo garantir “uns medios públicos en Galiza, libres, plurais, que informen do que acontece, do que quere o pobo”.
Unha ILP que segundo explicou Paulo Carril, secretario xeral da CIG, supera xa as 20.000 sinaturas, duplicando o número exixido legalmente e cando aínda queda prazo, até o 26 de abril, para facer entrega dos pregos.
Por iso, Carril considerou tanto máis grave a manobra “sen precedentes” do PP, de aprobar esta lei de medios, coa súa “maioría absolutista”, en pleno proceso de recollida de sinaturas dunha Iniciativa Lexislativa Popular “indo contra a vontade do pobo galego, que está de forma masiva asinando e en contra tamén da loita que as traballadoras e os traballadores da CRTVG veñen protagonizando, precisamente na defensa dos medios públicos galegos”.
Canda isto, o secretario xeral da CIG rexeitou o obxectivo da Lei que pretende “intensificar aínda máis o control político nos informativos da CRTVG”, agora “co aval do Parlamento” convertendo “os medios públicos de comunicación de Galiza no maior alto falante do Partido Popular”.
Altamente lesiva
Pola súa banda, o comité intercentros, considera que a Lei de Servizos dos Medios Públicos de Comunicación audiovisual de Galiza para a sociedade dixital é “altamente lesiva” porque fai desaparecer a necesidade das maiorías reforzadas na elección da dirección xeral, o consello de informativos e o estatuto profesional e elimina, ademais, a prohibición de externalizar os servizos informativos.
O comité intercentros manifesta a súa oposición á externalización da programación na radio e na televisión. Denuncia que a dirección da CRTVG decidiu seguir apostando polo formato de coprodución no programa “O Termómetro”, substituto do programa de produción propia interna “A Revista”, desoíndo as protestas do cadro de persoal e sen que nin a audiencia nin outros factores avalen esta decisión.
Dereito á xubilación parcial anticipada
O comité intercentros denuncia tamén que a Dirección de Recursos Humanos da CRTVG comunicou que a partir do 1 de abril non atenderá máis solicitudes de acceso á xubilación parcial anticipada, “suspendendo un dereito recollido na disposición adicional novena do convenio colectivo, que xa avalara unha recente sentenza xudicial”.
Xunto a isto, rexeita a implantación de “centros multimedia” sen os tempos de formación e adaptación precisos. Neste sentido apunta que a Dirección Xeral da CRTVG iniciou nas delegacións territoriais un proceso de transformación baixo a aparencia de “centros multimedia” que non respecta os dereitos de formación, adaptación e prevención de riscos psicosociais do persoal afectado.