Redacción •  Galicia •  10/10/2026

A macrogranxa de 365.400 galiñas en Agolada consumiría tanta auga como 1.400 persoas

  • A propia empresa promotora, Proteínas y Cereales de Galicia, S.L. recoñece no estudo de impacto ambiental efectos sobre a saúde humana polos cheiros e ruídos. As naves da explotación situaríanse a 500 metros de Couso, 700 de Romariz e 1 km do núcleo de Agolada.
  • O concello, en seca prolongada declarada pola Xunta o 24 de setembro, acumula ademais outros proxectos de gandaría intensiva autorizados ou en tramitación entre 2025 e 2026.
  • “Non estamos en contra de todo” A recén creada plataforma veciñal Stop Macrogranxas Agolada defende as actividades compatibles cun rural habitable, como a gandaría extensiva, e xa está recollendo alegacións ao proxecto, co expediente 2026-IPPC-I-32, en fase de información pública ata o 10 de novembro.
A macrogranxa de 365.400 galiñas en Agolada consumiría tanta auga como 1.400 persoas

Esta plataforma xunto coa de Stop Biometano Agolada-Deza critican que se autoricen e incentiven mediante subvencións este tipo de explotacións, considerando que consomen demasiados recursos e favorecen o exceso de xurros e esterco. Tamén rexeitan a creación de macroplantas de biometano na zona, cuxa sostibilidade en termos totais cuestionan e nas que se engadirían a estes xurros os lodos das depuradoras industriais e urbanas, xerando importantes impactos a varios kilómetros de distancia.

180.397 litros de auga cada día

O estudo de impacto ambiental (EsIA) da promotora calcula un consumo de 65.845 m³ de auga ao ano, que equivalen a 180.397 litros diarios e recoñece que podería producirse un impacto sobre os niveis dos acuíferos subterráneos. [2]

Con base no consumo doméstico medio en Galicia —128 litros por persoa e día en 2022, último dato do indicador da Xunta [4]—, esa cantidade equivale a un incremento da poboación de 1.409 persoas, máis do 60% da poboación de Agolada, que o propio EsIA cifra en 2.282 habitantes [2].

No proxecto recoñécese expresamente que se podería producir un impacto sobre os niveis dos acuíferos pola utilización dos sondeos para a extracción da auga.

A Xunta declarou o 24 de setembro de 2026 a situación de seca prolongada no sistema Ulla-Tambre, no que figura Agolada [3]. A plataforma sostén que, nun contexto de cambio climático, non procede destinar un recurso tan escaso e valioso para as persoas que viven no territorio a unha produción industrial deste tipo e magnitude.

20.802 kg de excrementos diarios e uns 3.000 camións ao ano

Segundo os datos do proxecto, a granxa xeraría cada día 20.802 kg de excrementos —7.593 toneladas ao ano—, e necesitaría 40.554 kg de pienso e 140.622 kg de palla diarios [2]. As naves ocuparían 14.116,80 m² construídos, case dous campos de fútbol (de 105 × 68 metros) [2].

O proxecto prevé xerar tamén 14.616 kg de cadáveres [2] e 780.000 litros de augas residuais cada ano.

A plataforma calcula que o transporte destes insumos e residuos esixiría uns 3.000 camións anuais (de 25 toneladas), aos que habería que engadir os que leven os ovos e as galiñas. A documentación do proxecto indica que a galiñaza se transportará «preferentemente por el exterior» dos núcleos urbanos, salvo que se use un sistema suficientemente estanco e inodoro [5]. Consideran que esa afirmación está baleira de contido, posto que non garante en absoluto que os camións eviten as aldeas nin o núcleo de Agolada.

Cheiro intenso e impactos acumulativos e sinérxicos sobre a saúde

As emisións á atmosfera previstas pola xestión do esterco son de 134.139 kg de amoníaco anuais [2]. O propio proxecto describe este gas como de olor moi forte e acre, que en concentracións moi altas pode irritar os ollos e as mucosas de persoas e animais, e que acidifica o solo e as augas [2].

Segundo a documentación da promotora, as naves quedarían a 500 metros da aldea de Couso, a 700 da de Romariz e a 1.100 metros do núcleo de Agolada [2]. Nese núcleo están o colexio, o centro de saúde e Os Pendellos, conxunto histórico-artístico do século XVIII declarado Ben de Interese Cultural [6], emblema da vila e sede da Feira de Artesanía que organiza a Xunta [7].

O propio EsIA recoñece impactos acumulativos e sinérxicos sobre a saúde humana pola exposición a cheiros e ruídos [2]. A plataforma sostén que ningunha medida correctora pode facer compatible cos usos escolar, sanitario e residencial dos núcleos unha fonte de emisións desta magnitude, e invoca o principio de precaución para non expor de forma continuada á poboación a estes riscos sanitarios.

«Non estamos en contra de todo»

A plataforma explica que a inmensa maioría das empresas asentadas en Agolada e na comarca do Deza non atoparon oposición social aos seus proxectos, e que apoian e defenden actividades como a gandaría extensiva, o turismo rural e calquera outra compatible cun rural habitado e habitable. Mesmo proxectos de gandaría intensiva de envergadura, como granxas de cerca de 2.000 porcos—a partir de 2.000 entran na categoría de macrogranxa—, instaláronse sen protestas, mentres que noutros lugares, como Vilalvite (Friol), a veciñanza acordou levar á xustiza un proxecto porcino duns 1.900 animais [8].

Indica que este macroproxecto súmase a outros xa autorizados ou en tramitación nos últimos dous anos que xeran efectos acumulativos sobre o territorio, como as granxas intensivas de 980 porcos en Trabancas, 1.990 porcos e 80.788 galiñas poñedoras en Axiaz (Ventosa), ou 1.322 porcos e 40.114 polos en Amance (Eidián).

«Ata os que nacemos nesta terra teremos que marchar»

A plataforma lembra que hai persoas que cambiaron de residencia dende outras comunidades e mesmo dende doutros países europeos para vivir na Terra do Medio, en busca de natureza, paisaxe, tranquilidade e aire limpo; non de cheiros, camións e contaminación.

«Con estes macroproxectos destrutivos, quen vai querer vivir aquí? Ata os que nacemos nesta terra teremos que marchar ou non poderemos voltar a ela», lamentan.

Biometano: unha falsa solución

As plataformas Stop Biometano Agolada-Deza e Stop Macrogranxas rexeitan que se autoricen e incentiven (con subvencións) explotacións intensivas, que favorecen o exceso de xurros e esterco e despois se propoñan como falsa solución macroplantas de biometano, nas que se engaden aos xurros lodos de depuradoras industriais e urbanas. Dito doutro xeito, primeiro foméntase un exceso de excrementos e para solucionalo tráense aída máis residuos, que non desaparecen por arte de maxia nos dixestores.

Veolia, empresa relevante no sector do biometano, recoñece nun artigo publicado en Retema o 10 de outubro de 2024 que esta tecnoloxía: non elimina os residuos, só transforma en biogás unha pequena parte (aproximadamente un 5%) e o 95% restante queda como dixestato; e “enfróntase a problemáticas moi similares ás dos xurros” porque os nutrintes (nitratos) non se reducen [9].

As plataformas remiten ademais a un estudo de 2021 publicado na revista Environmental Justice por un equipo do Socially Responsible Agriculture Project. O traballo sinala que unha parte desproporcionada das macrogranxas dos Estados Unidos se sitúa en zonas de baixos ingresos e de poboación racializada, e advirte de que o biogás pode agravar esa inxustiza ambiental [10].

Cren que Agolada corre o risco de converterse nunha terra de sacrificio e afirman que «Moitas persoas de Agolada non estamos dispostas a que nos traten como cidadanía de terceira. Por iso preparamos alegacións a este proxecto, que xa asinaron numerosas persoas veciñas e seguiremos loitando contra esta invasión de proxectos perniciosos para a contorna rural e a maioría dos seus habitantes”

Fontes e máis información

[1] Xunta de Galicia (GAIA). Proxectos en información pública, expediente 2026-IPPC-I-32: https://gaia.xunta.gal/gl/temas/autorizacion-ambiental/proxectos

[2] Estudo de impacto ambiental da explotación avícola de Leira Nova (Proteinas y Cereales de Galicia S.L.): https://gaia.xunta.gal/sites/default/files/documentos/2026-09/01_esia_procega_aia_min.pdf

[3] Ecos da Comarca (25/09/2026). Declaración de seca prolongada no sistema Ulla-Tambre, no que figura Agolada: https://www.ecosdacomarca.com/post/as-comarcas-de-arz%C3%BAa-deza-terra-de-melide-e-a-ulloa-est%C3%A1n-en-situaci%C3%B3n-de-seca-prolongada

[4] Xunta de Galicia (GAIA). Indicador AU-1, consumo de auga en Galicia: https://gaia.xunta.gal/gl/indicadores/buscador/au-1-consumo-de-auga-en-galicia

[5] Resumo non técnico do proxecto: https://gaia.xunta.gal/sites/default/files/documentos/2026-09/04_resumen-no-tecnico-procega-s.l.pdf

[6] Rías Baixas. Mercado medieval Os Pendellos de Agolada (Ben de Interese Cultural): https://turismoriasbaixas.com/en/search/mercado-medieval-os-pendellos-de-agolada

[7] Xunta de Galicia. XIII Corazón da Artesanía nos Pendellos de Agolada: https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/026248/xunta-promovera-proyecto-artesania-prato-xiii-corazon-artesania-este-fin-semana

[8] El Progreso (17/02/2025). Vilalvite: a asociación veciñal levará ao xulgado o proxecto da granxa porcina: https://www.elprogreso.es/articulo/comarca-lugo/vecinos-vilalvite-iran-juzgado-proyecto-granja-porcina/202502171111031848284.html

[9] Retema (10/10/2024). ¿Son los proyectos de metanización la solución al problema de los purines?: https://www.retema.es/actualidad/son-los-proyectos-de-metanizacion-la-solucion-al-problema-de-los-purines

[10] Gittelson et al. (2021). The False Promises of Biogas: Why Biogas Is an Environmental Justice Issue, Environmental Justice: https://www.sraproject.org/wp-content/uploads/False-Promsies-FactoryFarmGas.pdf


macrogranjas /