Ana Pontón defende un municipalismo feminista con máis liderado das mulleres para avanzar en igualdade desde os concellos
- Pon como exemplo impulsar un urbanismo seguro, “que nos permita non ter nunca máis medo por volver soas ás nosas casas”.
- Nun encontro con alcaldesas e concelleiras antes do 8M avanza que o BNG impulsará a presenza de mulleres encabezando as listas municipais.

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou en Santiago nunha xornada de reflexión con alcaldesas, concelleiras e responsables municipais do BNG en vésperas do 8M na que defendeu un municipalismo feminista con máis liderado das mulleres para avanzar en igualdade desde os concellos, “ese espazo próximo onde se poden impulsar transformacións que constrúen igualdade e que cambian a realidade”, recalcou.
“Desde o BNG defendemos concellos feministas, un municipalismo feminista que aposte pola participación das mulleres, por transformar os concellos desde a igualdade, por impulsar un urbanismo seguro para que non teñamos nunca máis medo por volver soas ás nosas casas”, afondou.
Pontón avogou por un feminismo desde o ámbito municipal que aposte pola conciliación, polos coidados e a corresponsabilidade, pola defensa dos servizos públicos e por construír vilas e cidades inclusivas e diversas.
Un modelo, alegou, que busca democratizar as decisións no ámbito local e que as mulleres teñan o papel protagonista que lles corresponde tamén na toma de decisións, tendo en conta que só o 22% dos concellos galegos teñen unha alcaldesa pese a que as mulleres representan máis da metade da poboación. “Temos que conquistar moitos máis bastóns de mando”, sintetizou.
A líder nacionalista subliñou o carácter inclusivo dun modelo no que teñen cabida todas as persoas que loitan contra a discriminación e os estereotipos de xénero e a favor dunha sociedade realmente igualitaria.
E o primeiro paso que apuntou nesta dirección é lograr que máis mulleres encabecen as candidaturas municipais, ámbito no que o BNG dá exemplo, xa que lidera 35 gobernos locais e o 37% destes gobernos teñen unha alcaldesa á fronte, unha porcentaxe moito máis alta co das forzas estatais, que están entre 15 puntos por debaixo no caso do PSOE e 17 puntos por debaixo no caso do PP.
“Non nos conformamos, queremos máis mulleres liderando concellos e, por iso, de cara á elaboración das candidaturas das próximas eleccións municipais, o BNG ten coo obxectivo que máis mulleres dean un paso adiante e se sitúen no primeiro posto das candidaturas”, avanzou para amosar o desexo da organización nacionalista de contar con máis concelleiras e, sobre todo, máis alcaldesas do Bloque “para traballar por mellorar a vida das persoas”.
Neste sentido, considerou evidente que a presenza das mulleres no ámbito local é imprescindible para poder construír “concellos máis xustos, máis igualitarios e máis próximos á realidade da xente”, dado que os municipios son “a primeira porta de participación” e afirmou que a experiencia demostra que, cando as mulleres participan nestes espazos de decisión, a política cambia.
“Cambian as prioridades, cambia a forma de gobernar e cambia tamén a maneira de xestionar o ben común”, afondou. Por iso, considerou que a presenza das mulleres na política municipal é, ademais dunha cuestión de representación, “unha cuestión de calidade democrática”.
Convencida de que “gobernar coas gafas lila é un valor que axuda a resolver problemas”, Pontón defendeu a incorporación da voz, a perspectiva e a experiencia das mulleres e do feminismo en todas as áreas de goberno e, neste punto, destacou o traballo das alcaldesas e concelleiras do BNG, que demostran cada día como se pode gobernar un concello “con ese plus de feminismo”, con proxectos transformadores e con perspectiva de xénero.
A portavoz nacional animou a seguir avanzando na incorporación de máis mulleres á política municipal, mirando no espello de todas e cada unha das alcaldesas e concelleiras do Bloque que no seu día tamén deron un paso á fronte.
“Cando unha chega, nunca chega soa, chea coa bagaxe de todas as que estiveron antes, pero tamén chega con todas as que sabemos que hai que facer da política un espazo de transformación social, un espazo onde o feminismo o enchoupe todo porque o feminismo é o que transforma a sociedade e a fai máis xusta e igualitaria”, reflexionou.
Por iso, nunha Galiza que tanto precisa “un cambio de rumbo”, remarcou como un dos primeiros pasos para que “haxa un cambio real” que nas próximas municipais, o País se encha de máis concellos BNG e de máis alcaldesas e máis concelleiras nacionalistas.
Pontón tamén apelou ao feminismo como a mellor ferramenta para avanzar, romper “un tras outro os teitos de cristal” e deixar atrás “ese machismo casposo e trasnoitado que se resiste a desaparecer”, polo que animou a “pisar o acelerador” das políticas de igualdade, nun momento no que “medran os discursos negacionistas” dos que queren ás mulleres “de novo na casa e coa pata quebrada”.
“So os de sempre, os mesmos que queren manter os seus privilexios a costa dos nosos dereitos”, advertiu, para animar a continuación a non dar “nin un paso atrás” e “como di o lema da campaña do BNG deste 8M: Mulleres á fronte! porque aquí estamos e aquí seguiremos”, proclamou.
Solidariedade coas mulleres de Irán
Na véspera do 8M, a líder nacionalista lembrou tamén ás mulleres de Irán e as de todas as dos países de Oriente Próximo que “están vendo como as bombas non só caen ao seu redor, senón que tamén segan as súas vidas”.
“Hoxe, desde Galiza, nas vésperas deste 8M, queremos dicirlles desde o noso corazón ás mulleres iranianas que non están soas, que as vemos e as escoitamos, que a súa resistencia é a nosa e é tamén un acto de valentía e de dignidade”. “Estamos ao seu lado e na súa loita para que mañá poidan vivir en paz e liberdade”, afirmou logo de subliñar que o feminismo simboliza a paz e que as mulleres “queremos paz”.
Pontón recordou que as mulleres tamén son “un campo de batalla” e, nas guerras, as que sofren máis violencia, unha situación ante a que non se pode “mirar para outro lado”. Neste sentido, recordou o recente bombardeo dunha escola primaria na que se asasinaron a 140 nenas inocentes.
“Que cinismo ese que nos di que queren salvar ás mulleres bombardeando nenas”, cuestionou, para denunciar a continuación que Trump e Netanyahu “non son máis que criminais que pensan que teñen licenza para matar a quen sexa e onde sexa”, tal e como levan anos cometendo un xenocidio en Palestina. “Só lles interesa o control dos recursos estratéxicos e volvemos ver que por petróleo non lles importa mancharse as mans de sangue”, afondou.
A portavoz do BNG tamén condenou unha vez máis a posición da UE “que doe” e que cualificou de vergoñenta ao axeonllarse “ante unha guerra ilegal e criminal”. “Por dignidade e por humanidade o único que podemos facer é plantarnos e dicirlles: guerras nunca máis”, recalcou para aplaudir que se diga ‘Non á guerra”, pero advertir que isto “ten que ser moito máis que un eslogan”. “De nada vale dicir pola mañá ‘Non á guerra’ e pola tarde enviar barcos de guerra a esa zona”, concluíu.
