Redacción •  Galicia • 20/06/2017

En Marea pide ao conselleiro de Educación que deixe de facer “seguidismo total e acrítico” das instrucións que lle chegan desde Madrid

A deputada de En Marea, Luca Chao, lamentou que na súa intervención Román Rodríguez non falara das preocupacións reais da comunidade educativa.

En Marea pide ao conselleiro de Educación que deixe de facer “seguidismo total e acrítico” das instrucións que lle chegan desde Madrid

A deputada de En Marea no Parlamento acusou ao conselleiro de “facer seguidismo total e acrítico” o que trae como consecuencia que o “único que fai é agardar instrucións de Madrid” tras escoitar a súa intervención na comparecencia a petición propia no pleno do Parlamento. “Rectificar é de sabios, pero algunhas veces, ter criterio, non sería mala cousa. Señor Román, como delegado do goberno en ensino vostede non ten prezo, o problema é que é conselleiro” afirmou Luca Chao.
 
En resposta á intervención do conselleiro, a deputada de En Marea referiuse ao fracaso escolar, “do que tanto saca peito” o Goberno galego, salientando que a diminución rexistrada non é pola xestión da Xunta senón por unha banda porque o mercado laboral deixou de ter un efecto chamada importante para a mocidade maior de 16 anos. E por outra banda, porque se está a facer “unha lectura trampa” xa que a FP básica é unha das grandes trampas do sistema educativo que para o único que serve é para aliviar as estatísticas educativas, disfrazando o fracaso escolar como formación cando, en realidade, non teñen máis que falar co profesorado, para aceptar que o que están conseguindo é levantar guetos educativos de mozos e mozas con dificultades, que non abandonan os centros pero, de facto, están totalmente fóra do sistema.
 
Luca Chao lamentou que o conselleiro de Educación, Román Rodríguez non aproveitara a súa comparecencia para dar conta sobre as cuestións que preocupan a comunidade educativa. Así referiuse por exemplo á cuestión do ensino de Filosofía a punto de desaparecer do segundo curso de Bacharelato, reducida a unha materia optativa so para os de Humanidades, sen ponderación na maioría das carreiras ou graos, o que vai implicar que a súa matrícula baixe aínda máis. Fronte a isto, En Marea considera que ten que ser unha materia común e troncal para todas xa que trata “dunha materia que forma cidadanía crítica e responsable, coñecedora dos principios democráticos elementais e do seu lugar na sociedade, e ademais está máis alá de ideoloxías se tanto medo lles da que a xente pense”. “Coma conselleiro debería verse irremediablemente implicado en reverter esta situación que é lesiva para o proceso educativo en Galicia como xa fixeron noutras comunidades” sinalou a deputada de En Marea.
 
As reválidas foron outro dos temas destacados na súa intervención lamentando que o conselleiro non aclarase se o PP prefería “estas reválidas de cara lavada ou as previas”. Chao pediu tamén ao responsable de Educación datos concretos sobre o número de nenos e nenas que participaron nestas probas, cal foi a taxa de absentismo, a súa diferenciación entre centros públicos e privado-concertados ou se van elaborar algún informe coas celebradas o ano anterior ou “simplemente teimaron na realización das probas para gardalas nun caixón”. Luca Chao salientou así mesmo, que mentres que a consellería continúa a dicir que non teñen efectos académicos, o Decreto de avaliación de primaria e o seu artigo 6.2 sobre a promoción de curso, diga «Os informes das avaliacións individualizadas de terceiro curso de educación primaria e de final de educación primaria teranse en conta». Porque se é que non explíquenos, por favor, por que este artigo sigue vixente?” preguntou a deputada de En Marea que engadiu que “se o que se pretende coas reválidas é precisamente detectar estas necesidades, non fai falla tanta parafernalia, pompa e gasto de recursos humanos, materiais e tempo, con escoitar aos profesionais do sistema educativo, ao alumnado e ás familias, mesmo escoitar á oposición, que algunha vez trae algunha proposta interesante, e non vai ser que por estar despistado a pase por alto”. Aínda que o grupo de En Marea considera que o verdadeiro obxectivo destas probas é afondar nun sistema de elites no ensino, presentou unha serie de medidas básicas de probada efectividade para mellorar o sistema educativo como:

  • Aumentar o orzamento para recuperar o nivel orzamentario de, cando menos, 2008.
  • Aumentar o profesorado de apoio para garantir máis recursos a quen máis precisa.
  • Reducir a carga horaria do persoal docente para avanzar nunha atención máis personalizada
  • Reducir as ratios de alumnado e por suposto, contar para as ratios ao alumnado repetidor. Cousa que a día de hoxe, como sabe, non se fai, e que resulta mírese como se mire, incomprensible.
  • Recuperar o investimento na atención á diversidade como un dos  eixos fundamentais para un ensino público de calidade, conforme aos  criterios de igualdade, equidade e xustiza social, corrixindo a fonda  desigualdade social que está a vivir Galicia. 

No relativo aos centros educativos no rural a deputada de En Marea denunciou o continuo peche de aulas o que supón a perda dun servizo básico fundamental e espazos necesarios de socialización para os pequenos e pequenas, que son o preludio do abandono dos pobos e aldeas do noso país. Neste sentido, defendeu a necesidade de actuar de xeito urxente. Luca Chao lamentou tamén que o Conselleiro nada dixera do peche de case 370 unidades no sistema público educativo mentres se abriron 222 entre a privada e a concertada. “A pregunta sería, van seguir privatizando e facendo negocio cos nosos dereitos? A xulgar polo seu silencio, semella que si” declarou a deputada de En Marea. Neste sentido, acusou ao Goberno galego de ser “unha das poucas comunidades que non cuestionou a elitista, confesional, centralizadora e privatizadora da mal chamada lei de mellora da calidade educativa que mesmo outros gobernos do PP teñen cuestionado”.
 
A recuperación dos dereitos laborais do profesorado, e da reversión de todos os recortes educativos foi outro dos temas obviados na comparecencia do conselleiro ao que Luca Chao reclamou coherencia xa que “se insisten no discurso da recuperación é a hora de que reverta sobre os e as profesionais que estiveron sustentando o sistema educativo nestes anos de estreiteces”. “Por mor da súa política austericida hoxe temos uns 1200 docentes menos que antes da crise. 1200 docentes menos para atender ás nosas nenas e nenos, 1200 docentes menos para traballar no futuro de Galicia” lembrou.
 
Na súa comparecencia, o conselleiro de Educación tampouco tivo espazo para presentar unha aposta ambiciosa por un ensino en igualdade respecto ao que a deputada de En Marea declarou “non se pode dicir que se aposta por un ensino igualitario mentres se financia con diñeiro público a centros que segregan, non se pode consentir que se financie con diñeiro público a centros que levan aos nenos ao Bernabeu mentres ofertan aulas de gancho para as nenas”. “Iso señor Román, non é educación, pero dende logo, tampouco é igualdade” concluíu.
 
A “autosatisfacción” da intervención do responsable de Educación da Xunta só pode responder a dúas cousas para En Marea, ou ben que descoñece os datos reais do panorama educativo, cultural e lingüístico do pais, ou que os coñece e está satisfeito xa que cumpriu o obxectivo real que non é  outro que menoscabar o público, degradando a súa consideración. “Posto que o final de curso é un bo momento para os bos propósitos de emenda, permítanos unha suxestión señor Román, para o curso vindeiro sexa vostede ambicioso. Ten nas súas mans un servizo fundamental para o benestar da cidadanía. Pero ten tamén nas mans unha ferramenta de cambio social e emancipación da cidadanía, como é a educación. Educación, en maiúsculas, para a formación de cidadáns e cidadás libres, non soamente instrución” concluíu Luca Chao.

 


En Marea /  Redacción /