Redacción •  Galicia •  08/09/2016

En Marea presenta unha proposta no Congreso dos Deputados para atallar a crise do sector lácteo

Alexandra Fernández Gómez e Antón Gómez Reino proponen contemplar na Lei da Cadea Alimentaria un prezo de referencia “que será fixado en función dos custes de producción”.

En Marea presenta unha proposta no Congreso dos Deputados para atallar a crise do sector lácteo

En Marea ven de presentar no rexistro do Congreso dos Deputados unha proposición non de lei, para o seu debate en pleno e na Comisión de Agricultura, con seis medidas para atallar a grave crise pola que atravesa o sector lácteo debido aos baixos prezos do leite en orixe.
 
En concreto, Alexandra Fernández e Antón Gómez Reino, instan ao Goberno a aprobar unha serie de medidas como a introducción na Lei da Cadea Alimentaria do concepto de prezo de referencia, que “será fixado en función dos custes de producción, co obxecto de que os produtores perciban un prezo xusto e digno”.
 
Prezo de referencia e réxime sancionador por incumprimentos
 
Na liña das demandas do sector, os parlamentares de En Marea piden que se contemple un réxime sancionador ou de penalización como instrumento necesario para garantir o cumprimento por parte das industrias das condicións estabelecidas nos contratos homologados. Demandan ao Executivo que se prohíba a utilización do leite como produto de reclamo nas superficies comerciais.
 
Asemade, emprazan ao Ministerio a aprobar a figura do mediador lácteo ou intermediario con capacidade normativa suficiente para desempeñar o papel de negociador nos contratos entre as industrias e os produtores. Outras das súas demandas é que se obrigue a etiquetar fielmente a procedencia do leite nos cartóns, informando adecuadamente da súa orixe e incentivando os produtos autóctonos nos lineais.
 
Nun último punto da proposición, os parlamentares de En Marea emprazan ao Goberno a habilitar liñas de crédito ou de financiamento público destinadas ao sector para aliviar o seu endebedamento.
Os representantes de En Marea no Congreso chaman a atención sobre a cotinua caída dos prezos do leite en orixe, que se sitúa por debaixo dos 24 céntimos cando os custes de producción superan os 30 céntimos o litro. Poñen de manifesto a grave crise do sector que recentemente se manifestou en Lugo para demandar solucións efectivas.
 
As medidas do Acordo foron ineficaces
 
Critican a “propaganda que o Goberno de Rajoy fixo co Acordo Lácteo asinado hai un ano entre a industria, as distribuidoras e só unha parte dos produtores. Hoxe está claro que é un estrepitoso fracaso debido á súa ambigüedade. Precisamente por iso non participaron deste Acordo as principais organización lácteas que xa advertían que era papel mollado e que non ía solucionar a crise porque non recollía cuestións fundamentais como o prezo de referencia e a necesiade de contemplar un réxime de sancións”.
 
Censuran que o Goberno do PP “optase por defender os intereses das industrias en detrimento do eslabón máis débil da cadea que son os gandeiros e gandeiras”.
 
Advirten do avanzo de peche de explotacións gandeiras en Galiza pola falla de adopción de medidas firmes. “Cando se cumpre un ano do remate do sistema de cotas lácteas, o balanzo non podía ser pior. Cada día pechan dúas explotacións no territorio galego. De feito, nos últimos meses pecharon 323 granxas”.
 
Os parlamentares de En Marea consideran que a situación é suficientemente crítica como para que se adopten medidas urxentes como as propostas nesta iniciativa parlamentar.


En Marea /