Redacción •  Galicia •  06/04/2020

O persoal do comercio de alimentación di “basta xa” ante a sobrecarga de traballo e a falta de seguridade ante o impacto do coronavirus

Chaman a participar na cazolada deste venres para reclamar medidas de protección e unha redución do horario comercial.

O persoal do comercio de alimentación di “basta xa” ante a sobrecarga de traballo e a falta de seguridade ante o impacto do coronavirus
“Estamos na primeira liña contra o coronavirus e somos vítimas dunha guerra comercial; sufrimos unha maior carga de traballo e carecemos de medidas suficientes para protexer a nosa saúde”. As traballadoras/es do comercio de alimentación din “basta xa” e lembran que a CIG leva dende o primeiro día que se decretou o estado de alarma a esixir un control estrito das condicións de traballo nos sectores activos e a reclamar compensacións especiais para o seu persoal, como no caso do comercio de alimentación.
 
Dende entón, a central denunciou diante das direccións das empresas e da propia autoridade laboral a falta de medidas de protección, ao tempo que alertaba da inacción do Goberno central e da Xunta, sen que até o momento se tivese feito nada por corrixir esta problemática. Como consecuencia, sucedéronse e sucédense os casos de contaxios entre as persoas traballadoras obrigadas a atender os sectores considerados esenciais, tamén no comercio de alimentación.
 
Porque as principais empresas do sector do comercio de alimentación (Gadis, Eroski-Familia, Froiz, Moldes, Mercadona, Dia, Lidl, Carrefour, Alcampo, El Corte Inglés, etc) están a aproveitar esta crise sanitaria, que tanto dolor e prexuízo lle causa á clase obreira, para acumular máis riqueza a costa do seus cadros de persoal.
 
“En vez de actuar como un apoio fundamental diante do que acontece, como un sector de emerxencia imprescindible para a sociedade, están inmersas nunha guerra comercial na que eliminan competencia e espremen ao máximo os instrumentos de extracción de cartos da parte máis pobre e debilitada da poboación -clientes e tamén o seu propio persoal- incrementando prezos, especulando con produtos de primeira necesidade e sobreexplotando as persoas traballadoras; e todo isto acompañado dunha calculada estratexia de propaganda, demagoxia e reparto de esmolas, sinalan.
 
LIBERALIZACIÓN DE HORARIOS 
 
Mentres, os Gobernos español e galego -nomeadamente o de Feixóo coa súa liberalización de horarios- deixan abandonadas as persoas traballadoras nas poutas dos capitalistas máis desapiadados/as e depredadores/as, que están a facer cartos a mancheas a conta da saúde de caixeiras/os e dependentas/es, sen importarlles o máis mínimo nin a propagación da enfermidade nin a saturación e colapso do sistema público de saúde.
 
“Día a día enfrontámonos ao perigo de contaxio sen as medidas de protección necesarias, sen os reforzos de persoal imprescindibles, sen o control e supervisión por parte das autoridades, que permiten que este empresariado explotador e indecente faga o seu agosto en tanto a sociedade sofre e se empobrece”.
 
Os numerosos casos de contaxio que se están producindo son ocultados sistematicamente por esta indigna clase empresarial, e o colectivo que estivo en contacto coa enfermidade é obrigado a continuar traballando.
 
“Pasará esta situación, moitas/os enfermaremos e contaxiaremos as nosas familias, colapsaremos a sanidade pública; pero eles/as, os patróns de Gadis, Eroski-Familia, Froiz, Moldes, Mercadona, Dia, Lidl, Carrefour, Alcampo, El Corte Inglés… sairán coas súas fortunas multiplicadas e nós seremos igual de pobres e mal pagadas/os”.
 
PRINCIPAIS REIVINDICACIÓNS DO COLECTIVO 
 
Diante disto, chaman a participar na cazolada convocada pola CIG para este venres 10 a partir das 12:00 horas. “As traballadoras/es do comercio de alimentación, as condenadas/as a estar na primeira liña desta guerra en tanto os nosos patróns engordan o seu xa ben mantido peto; as caixeiras/as e repoñedoras/es, dependentas/es, carniceiras/os, chacineiras/os, peixeiras/os e os clientes que nos respectan… todas e todos faremos ruído dende as nosas fiestras e balcóns para que escoiten as nosas reivindicacións”:
 
 -Non queremos esmolas, queremos medidas de protección efectivas.
 
-Redución do horario comercial.
 
-Aumento de persoal.
 
-Control de aforo estrito.
 
-Vixilancia para que se respecte a distancia de seguridade.
 
-Máscaras e luvas abundantes para todas/as.
 
-Non á ocultación dos contaxios.
 
-Protección do persoal sensible, non pode seguir traballando.
 
-Aplicación de corentenas ao persoal afectado.
 
-Participación das persoas traballadoras na prevención. 

CIG /  Confederación Intersindical Galega /  coronavirus /  COVID-19 /