En Marea participa en Tui nunha homenaxe aos represaliados do franquismo
Carmen Santos, cabeza de lista de En Marea pola provincia de Pontevedra, acompañada polo número dous, Marcos Cal, e a número tres, Eva Solla, participaron este mediodía na homenaxe coa que a vila de Tui lembra cada ano ás persoas que foron represaliadas pola ditadura franquista, por defender a liberdade e o goberno lexítimo.
O acto, organizado pola Comisión Cidadá pola Verdade do 36, celebrouse pouco despois da unha da tarde no monumento que Silverio Rivas adicou ás vítimas do franquismo na alameda de Santo Domingo e consistiu na tradicional ofrenda floral que, ano tras ano dende 1999, reivindica e mantén viva a memoria daquelas que o perderon todo loitando pola xustiza, a igualdade e os dereitos da xente común.
Logo dunha breve introdución por parte do presidente da Comisión, na que se fixo alusión á necesidade de lembrar o pasado como forma de camiñar cara o futuro e agradeceu aos familiares e amigos das vítimas o sacrificio dos seus antepasados, tomou a palabra Carmen Santos, que lembrou que “moitos e moitas de nós temos nas nosas familias represaliados” para, de seguido, dar “un lugar a persoas como Gumersindo Rodríguez ou Domingo Páramos”, represaliados tras estar doente nun hospital un deles e por unha partida de carne en mal estado o outro. “Este tipo de cousas non poden nunca volver pasar”, engadiu.
Santos tivo palabras críticas para o Partido Popular, sobre o que dixo que “están facendo atisbo de que eles son os mesmos das súas orixes, con leis tan pouco democráticas e tan opresivas como pode ser a lei mordaza, que trae ó recordo aos mesmos que non querían que naquela república anterior a xente fora libre, como parece que agora tampouco queren”. Santos concluíu remarcando que “é vital, aínda que sexa doloroso lembrar, que nunca olvidemos o noso pasado, porque dende ese pasado temos que construir o noso presente e o noso futuro”.
Memoria de quen morreu na loita pola liberdade
Rematada a intervención da número un pola provincia, tomou a palabra Marcos Cal, que fixo unha sentida intervención na que fixo fincapé en que “Os que morreron no pasado loitando pola liberdade, forman parte do noso patrimonio”, engadindo que “o seu exemplo nos empurra nas loitas do presente”.
Eva Solla, número tres na provincia, suliñou na súa intervención que “todos aqueles que negan a verdade, a xustiza e a reparación para as vítimas, negan a democracia en sí, e polo tanto non están facilitando que exista unha transición real cara a un sistema verdadeiramente democrático”. «Máis que un exercicio de memoria é unha obriga para todos e todas as demócratas non só lembrar ás persoas que foron torturadas e fusiladas e que loitaron para que estiveramos aquí, senon que é a nosa obriga se queremos formar parte dun goberno que mude as cousas no futuro”, engadiu, para rematar co compromiso de que “imos defender esa norma, esa Lei de Memoria tamén para o noso país e a anulación deses mitos franquistas terribles e que dunha vez por todas se faga xustiza e haxa memoria e reparación para todas as víctimas e as súas familias”.
Rematadas as intervencións, realizouse a ofrenda floral nos mesmos muros onde se levaban a cabo os fusilamentos, seguida dun minuto de silencio en homenaxe a toda a xente que morreu, e segue a morrer en todo o mundo, na defensa da democracia e dos valores de igualdade e xustiza social.