O gran circo da esquerda socialdemócrata en España
O debate sobre a reconfiguración do espazo á esquerda do PSOE e o papel das formacións soberanistas e confederales reflicte as profundas tensións estratéxicas, orgánicas e xeopolíticas que atravesan a esquerda española. A proposta de articular unha fronte ampla capaz de integrar a diversidade plurinacional trabou recorrentemente con inercias partidistas, disputas polos liderados e tácticas electorais a curto prazo. Neste escenario, as reflexións de figuras como Gabriel Rufián poñen sobre a mesa unha contradición de fondo: a dificultade de estruturar unha alternativa Unitaria para frear o avance das forzas conservadoras e reaccionarias mentres persisten desacordos sobre o grao de autonomía, a subordinación fronte ao PSOE ou o modelo de articulación territorial.
A estas dinámicas da política doméstica súmanse as críticas sobre a orientación xeopolítica da socialdemocracia europea e os seus socios de goberno. O aliñamento coa estratexia atlantista e o marco da OTAN, o incremento do orzamento en defensa, a posición respecto ao conflito en Ucraína ou o viraxe respecto ao Sáhara Occidental representan puntos de fractura insalvables para unha parte destacada das bases antimilitaristas e internacionalistas. As diverxencias en política exterior e internacional postas de manifesto tanto nos posicionamentos gobernamentais como nas alianzas de dirixentes do espazo confederal evidencian ata que punto a xestión institucional adoita colidir cos principios históricos da esquerda crítica, alimentando o desencanto e a desmobilización de amplos sectores sociais e xuvenís.
Fronte ás contradicións da política de ámbito estatal, o escenario político en Galicia ofrece unha dinámica diferenciada a través do Bloque Nacionalista Galego (BNG). Para un sector significativo do electorado, a opción polo soberanismo galeguista percíbese como a vía máis coherente e directa de defensa dos intereses populares, socioeconómicos e culturais do país. A consolidación do BNG como referente patriótico e institucional permite aos seus votantes desvincularse dos pactos e tensións dos partidos con sede en Madrid, apostando por unha alternativa de obediencia meramente galega e con unha implantación territorial propia que busca responder de forma directa ás necesidades do pobo galego.
Lois Pérez Leira
Coordinador rexional do Sovintern. Red Socialista Internacional.
