Dende que veu a mina: San Finx
Cuarto episodio da serie de documentais “Dende que veu a mina”, producido por Ecoloxistas en Acción.

Este episodio sitúanos en Lousame no ano 1960, cando rebenta unha presa de residuos mineiros liberando lodos e entillos augas abaixo. O documentario recolle a memoria histórica ambiental dun evento, “a catástrofe de 1960”, do que case non quedan rexistros escritos. A historia conéctanos co presente, no que as presas están de novo en risco de ruptura e a responsabilidade se disipou entre administracións e empresas que miran para outro lado.
“Dende que veu a mina” é unha serie de documentais de curto formato, producida por Ecoloxistas en Acción e realizada por Aqueladas, que rescata a memoria dos impactos da minaría en distintos lugares da Galiza. A través dos testemuños de veciñas e veciños, entendemos o que significaba convivir día a día con este tipo de proxectos, como afectou á contorna natural e á vida cotiá dos seus habitantes. O pasado preséntase como un espello no que ollarse, pois, a pesar dos avances tecnolóxicos, moito do que nos contan segue a ser hoxe un problema. “Dende que veu a mina” presenta un relato afastado da idea de minaría sostible tan en voga, que mostra as consecuencias do modelo extractivista onte e hoxe.
