Redacción •  Galicia •  27/09/2025

A CIG exixe, nas propostas á consulta pública do R.D. de xornada laboral, unha negociación real

  • Denuncia o “diálogo social” co que o ministerio exclúe a sindicatos representativos, como a propia central sindical, e reclama que o RD inclúa a xornada de 35 horas
A CIG exixe, nas propostas á consulta pública do R.D. de xornada laboral, unha negociación real

A CIG vén de rexistrar as súas propostas ante a consulta pública sobre o Proxecto de Real Decreto para desenvolver a normativa sobre o rexistro da xornada laboral. O sindicato rexeita o modelo de diálogo social e presenta unha alternativa máis ambiciosa que combina a regulación técnica do rexistro -con garantías de transparencia e control-, co avance en dereitos como a redución da xornada laboral a 35 horas e a desconexión. En concreto, propón rexistros intransferíbeis accesíbeis en calquera momento e con copia mensual para as persoas traballadoras e a RLT.

Tal e como explica o secretario xeral, Paulo Carril, a CIG demanda a aprobación dunha regulación “que poña fin aos abusos que sofren as persoas traballadoras ante os excesos de xornada, a través dun sistema que faga posible controlar os milleiros de horas extras que se realizan sen ningún tipo de control”.

Por iso considera que “a obriga dun rexistro diario de xornada que regule de forma clara a xestión de descansos entre xornada e que obrigue ás empresas a que poidamos acceder a ese control, coñecelo as persoas traballadoras e a representación legal dos traballadores e das traballadoras, é moi importante”.

Carril alerta ademais de que “o exceso de xornada e as horas extraordinarias non retribuídas, son unha fraude á Seguridade Social”, alén de “empeorar as condicións laborais e precarizar aínda máis ás persoas traballadoras”.

Diálogo social “alegal”

A CIG critica, en todo caso, “o emprego intenso e permanente do chamado diálogo social, versión alegal, ao tempo que degradada e desnaturalizada, do papel institucional dos axentes sociais, como promotor de normas” que considera “fracasado nos seus resultados, ao actuar como freo, cando non causante, de retrocesos para o avance dos dereitos laborais”.

Denuncia ademais un proceso que di, “veu marcado por unhas formas que non gardaron o máis mínimo respecto pola participación e pola legalidade, xa que o Ministerio de Traballo executou un (novo) trato discriminatorio á CIG, aínda sendo central sindical maioritaria e coa condición legal de máis representativa”.

Unha exclusión que a central sindical afirma que derivou en que dos contidos deste decreto se excluíse o debate e negociacións sobre propostas como as feitas pola CIG “centradas na redución da xornada ás 35 horas, camiño das 32 horas semanais”.

Por iso, reclama un novo proceso de consultas e negociacións no que se amplíen, ademais dos dereitos das centrais sindicais a estaren presentes, os obxectivos desa consulta e os seus contidos.

Nas súas propostas, a CIG lembra que en 2017 remitiu aos grupos parlamentarios do Congreso unha proposición de lei concreta e perfectamente elaborada relativa ao establecemento dun rexistro diario de xornada da que se apropiou un grupo, para promover un cambio normativo, sen diálogo algún coa propia central sindical, e con modificacións importantes que levaron ao sindicato nacionalista a criticala tanto “por chegar tarde, como por considerala insuficiente”.

Propostas de artigos

En todo caso a CIG presenta propostas concretas de artigos para garantir un sistema de xornada, control do dereito de desconexión, infraccións e sancións, no suposto de incumprimento:

  1. Artigo 20 bis. Dereito á desconexión dixital, polo que se recoñece o dereito a non responder a mensaxes ou chamadas fóra do horario laboral; a empresa debe garantir este dereito durante vacacións e descansos cunha planificación adecuada e a negociación colectiva poderá definir excepcións para funcións imprescindíbeis, pero o tempo extra fóra de horario deberá compensarse con tempo libre.
  2. Artigo 34 bis. Rexistro de xornada, no que se contemplan os rexistros diarios e dixitais considerando que o rexistro debe facerse no momento exacto de entrada e saída, cun sistema fiable que impida a manipulación. Isto atendendo a criterios como universalidade, -porque se aplica a todo tipo de traballo (teletraballo, xornada variable…) e a empresa debe facilitar os medios dixitais- e transparencia, xa que a empresa debe entregar unha copia mensual do resumo de horas (ordinarias, complementarias e extras) a cada traballador/a xunto coa nómina, e outra copia á súa representación legal.

Isto xunto a criterios como garantía dos dereitos fundamentais, incidindo en que o  sistema de rexistro debe respectar a intimidade das persoas traballadoras e conservación, porque prevé que os rexistros se garden durante catro anos e estean dispoñíbeis para persoas traballadoras, a súa representación sindical e a Inspección de Traballo.

  1. Modificación da Lei de Infraccións e Sancións, co que se propón modificar o artigo 7.5 para incluír de forma explícita como infracción o incumprimento das normas sobre xornada, seu rexistro, descansos, vacacións, permisos e, en xeral, todo o relativo ao tempo de traballo.

jornada laboral /