A sección sindical da CIG entrégalle á dirección de Vegalsa-Eroski centos de sinaturas contra a sobrecarga de traballo
- O déficit de persoal, engade Formoso, non se dá nunha tenda ou provincia concreta, senón que é un problema xeral en todos os centros de traballo que a sociedade Vegalsa-Eroski ten en Galiza.

A representación da CIG en Vegalsa-Eroski concluíu este venres na Coruña o calendario de mobilizacións iniciado o pasado 11 de xullo en Compostela en resposta á sobrecarga laboral e para reclamar salarios dignos. A protesta comezou diante do Eroski Center de Vioño e dende alí as traballadoras e traballadores saíron en marcha até a sede de Vegalsa no Polígono da Agrela onde fixeron entrega de centos de sinaturas recollidas entre o cadro de persoal reclamándolle á empresa solucións urxentes.
As seccións sindicais da CIG acordaron desenvolver mobilizacións nas catro provincias ante a falta de actuacións da empresa para reverter a sobrecarga de traballo que ten que soportar o persoal a causa da política de cero substitucións. “Levamos anos demando que se contrate máis persoal e se fagan formacións pero a empresa, a pesar dos millonarios beneficios que ten, mira para outro lado e non toma ningunha medida”, critica Alejandra Formoso, delegada da CIG en Vegalsa-Eroski.
Esta esforzo continuado para poder sacar adiante a excesiva carga de traballo ten consecuencias directas sobre a saúde física e mental das traballadoras e dos traballadores “e estamos en máximos históricos de absentismo”, cun elevado número de baixas por problemas músculo-esqueléticos. “Por enriba, as mutuas non queren recoñecelas como enfermidade profesional, cando na realidade desenvolvemos un traballo moi duro e a un ritmo moi alto durante toda a nosa xornada laboral, facendo grades esforzos físicos e cargando pesos, ás veces durante nove horas”.
Xunto a isto, a representación da CIG denuncia os elevamos índices de parcialidade na contratación e as ampliacións horarias neste tipo de contratos “ao antollo da empresa, impedindo así que estas compañeiras poidan coller outro traballo que lles permita chegar a fin de mes”.
Peores salarios e máis xornada
O déficit de persoal, engade Formoso, non se dá nunha tenda ou provincia concreta, senón que é un problema xeral en todos os centros de traballo que a sociedade Vegalsa-Eroski ten en Galiza. A esta precariedade laboral súmase que as traballadoras desta empresa “somos as peor pagadas do sector do comercio de alimentación e soportamos unhas xornadas irregulares que complican moito a nosa conciliación familiar”.
Para evidenciar as diferenzas salariais, Formoso pon como exemplo que unha compañeira de Gadis ou Froiz na provincia da Coruña cobra “até 3.000 euros ao ano máis que unha traballadora de Familia ou Eroski”. Esta disparidade aínda é maior na provincia de Pontevedra. “O traballo acaba saíndo a conta da nosa saúde e cando chega fin de mes e ves a nómina, aínda che dá un baixón máis grande”, asevera.
Por iso, unha das reivindicacións da CIG é a equiparación salarial cos convenios provinciais de comercio de alimentación, xa que Eroski se regula por un convenio propio que se negocia en Madrid de condicións inferiores.
A isto súmanse que a empresa lles fai devolver os 15 minutos de descanso durante a xornada diaria, que até hai uns anos si computaba como tempo efectivo de traballo, “o que supón 60 horas máis ao ano e tamén temos que devolver tempo das fins de semana de calidade (dous sábado e catro luns libres ao ano) e por iso temos que facer xornadas de nove horas”.
Neste contexto, a representación da CIG nas catro provinciais acordou levar adiante un calendario de mobilizacións con concentracións que comezou en Santiago de Compostela e seguiu en Ferrol, Ribadeo, Vigo, Ribadavia e A Coruña, así como unha recollida de sinaturas entre o persoal para reclamar medidas fronte á sobrecarga laboral.
“A resposta que recibimos por parte das compañeiras e compañeiros na recollida de sinaturas evidencia que a xente está farta desta situación e que non aguanta máis. Por iso, se a empresa segue sen tomar medidas, continuaremos coas mobilizacións e non descartamos a convocatoria de folga”, advirte.