Redacción •  Galicia •  24/06/2025

Advirten da necesidade de coidados para as turbeiras do Larouco e outros humidais

  • Investigadores subliñan en Baltar o papel das turbeiras como sumidoiros de carbono e a súa función de depuradoras naturais das augas nos sistemas hídricos.
  • Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova recolle as recomendacións sobre medidas de conservación que xa se activaron noutras zonas do país.
Advirten da necesidade de coidados para as turbeiras do Larouco e outros humidais

Xinzo, 24 de xuño de 2025. “As turbeiras son sumidoiros de carbono… mentres funcionen ben. Se non funcionan ben, esa materia orgánica oxidarase e irá á atmosfera. Xa sabemos que o carbono é moi importante para controlar o quecemento climático”, explicou o domingo Xabier Pontevedra, edafólogo da USC e responsábel do principal equipo de investigación en turbeiras no Estado, durante unha visita ao hábitat prioritario na área do Coto Farelo, na Serra do Larouco. “As turbeiras ocupan un 3% da superficie do planeta acumulan até 500 petagramos de carbono, mil billóns de gramos, ou 10 elevado a 15. É dicir, as turbeiras son o principal axente que está mitigando o proceso de quecemento climático. Isto xa sería suficiente para que fósemos alí para coidar con pinceis cada turbeira”, indicou.

Na visita, e na posterior conferencia no Centro Social de Baltar -nunha actividade enmarcada no ciclo Os Meses do Larouco que levan acabo o club de parapente, veciñas e os colectivos ecoloxistas-, tanto Xabier Pontevedra como Marcos Valcárcel, xeógrafo da USC, insistiron en que a inclusión das turbeiras do Larouco no Inventario de zonas húmidas de Galiza supón un avance na protección do hábitat fronte a ameazas futuras como foron os macroproxectos eólicos Tramontana e Mistral, freados por DIA desfavorábeis no 2023.

Mais tamén subliñaron que o hábitat pode mellorar o seu estado grazas a intervencións mínimas na contorna, que tamén precisa ser atendida para garantir que estas reservas naturais de auga cumpran a súa función de regular o réxime hídrico local alimentando os cursos fluviais de cabeceira. Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova recolle as recomendacións dos científicos sobre medidas de conservación que xa se activaron noutras zonas do país, como O Xistral e Lousame.

“As turbeiras son depuradoras naturais das augas”, afirmaron os investigadores para poñer de relevo a importancia para a saúde pública de identificar e catalogar hábitats como os do Larouco, e convidaron aos participantes a colaborar na localización destes espazos para enriquecer un inventario que segue aberto e no que continúan a traballar.

Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova e o Movemento Ecoloxista da Limia comprometéronse a traballar na divulgación dos humidais das nosas comarcas e promover o coidado dos mesmos en colaboración coas administracións e comunidades de montes. Xunto aos humidais do Larouco, en terreos da Comunidade de Montes en Man Común da Boullosa, e baixo a ameaza de proxectos eólicos, están outros dous humidais: a Lagoa Grande, que ocupa 0,25 hectáreas no Monte Grande (en Bande) e o hábitat denominado Baldriz, un humidal de media hectárea que en parte está ocupada por unha área recreativa no Concello de Cualedro.


Stop Eólicos /