Redacción •  Galicia •  16/06/2025

BNG exixirá ao Goberno aumentar a 50% o financiamento da Lei de Dependencia

Néstor Rego leva á sesión de control ao executivo no Congreso a exixencia de que o Goberno asuma as súas obrigas legais e os compromisos asinados co BNG.

As mobilizacións das traballadoras do SAF na Galiza evidencian a urxencia de que o Estado aumente o financiamento para garantir un servizo digno e con recursos suficientes, defende o BNG.

BNG exixirá ao Goberno aumentar a 50% o financiamento da Lei de Dependencia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, formulará na vindeira sesión de control ao Goberno do Estado unha pregunta dirixida ao Ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 para exixir o cumprimento do compromiso de que o Estado asuma 50% do financiamento das accións previstas na Lei de Atención á Dependencia.. Rego lembra que este unha das medida recollidas no Acordo de Investidura co BNG.

A pregunta que formulará Rego será clara e directa: «Cales son as previsións do Goberno para cumprir o compromiso de financiamento de 50% das accións previstas na Lei de Atención á Dependencia?»

Rego reclamará que o Executivo cumpra a legalidade e tamén os compromisos políticos asumidos co BNG, en que se estabelecía claramente que o Estado debe asumir 50% do financiamento das accións previstas na Lei de Dependencia. A pesar de que o investimento nesta materia aumentou tras a sinatura do Acordo de Investidura co BNG, lembra o deputado nacionalista, o Estado continúa sen alcanzar a porcentaxe comprometida, situándose aínda por debaixo do que marca a lexislación vixente.

“É hora de que o Goberno do Estado cumpra coa súa parte, tanto legal como política. A atención á dependencia non pode depender exclusivamente do esforzo das comunidades autónomas e dos concellos. Cómpre un financiamento xusto e equitativo” sinala o deputado do BNG.

A formación nacionalista lembra tamén que esta demanda está a ser apoiada de forma clara e contundente polas traballadoras e traballadores do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) na Galiza, que nas últimas semanas están protagonizando mobilizacións en diversas cidades para reclamar condicións laborais dignas e un servizo público de calidade. “Esta mesma semana tiveron lugar concentracións en Lugo e A Coruña en que se reivindicou con forza a necesidade dun financiamento suficiente para garantir a viabilidade e dignidade do servizo” destaca Rego.

“O Estado non pode mirar para outro lado mentres milleiros de traballadoras do SAF e persoas dependentes galegas reclaman o que lles corresponde por dereito. Cumprir coa Lei de Dependencia e co Acordo de Investidura é unha obriga moral e política” subliña Rego.

“O que están a denunciar as traballadoras do SAF é unha consecuencia directa da falla de financiamento estatal. Sen os recursos necesarios, non hai melloras nas condicións laborais, nin servizos de calidade para as persoas usuarias” afirma o deputado.

Frente á desidia do Estado, o BNG continuará reclamando xustiza social e financiamento digno para garantir unha atención á dependencia de calidade e condicións laborais dignas para quen a fan posíbel.


dependencia /