Redacción •  Galicia •  02/11/2020

Anova aposta polo uso dos fondos europeos de reconstrución cun enfoque público que axude a reducir desigualdades sociais

A formación política insta a Xunta e FEGAMP a pactar un programa de edificación de vivenda pública que dea resposta aos milleiros de persoas demandantes que actualmente existen a nivel galego.

Anova aposta polo uso dos fondos europeos de reconstrución cun enfoque público que axude a reducir desigualdades sociais

Anova tamén demanda que se aproveiten os fondos para dotar de infraestruturas á rede pública asistencial, deixando de lado o actual modelo privatizador das residencias de maiores defendido polo PP.

Para o portavoz nacional da Irmandade Nacionalista «trátase de que a utilzación dos fondos europeos teña un enfoque social» que «axude a reducir desigualdades» fronte ao actual modelo neoliberal cara o que apunta o Goberno galego de repartir os fondos entre as grandes corporacións.

O voceiro de Anova indica que os indicios sinalan que, «unha vez máis, a Xunta de Galicia apostará por centrar o reparto de fondos nas grandes empresas e nun modelo extractivista e insostible», mentres ao tempo hai no rexistro oficial de demandantes de vivenda pública protexida máis de 15.000 persoas. Para Sánchez, «é un auténtico fraude á cidadanía que se inscribe no rexistro oficial e ve como non se lle dá resposta dende un Goberno galego centrado en fomentar o negocio especulativo».

Para Anova, os fondos de reconstrución europeos deben de servir para paliar este déficit de vivenda pública, razón pola que a formación reclama que de xeito urxente Xunta de Galicia e FEGAMP acorden un programa a cinco anos que dea solución aos miles de familias demandantes de vivenda pública, dado que un parque público de vivenda de aluguer é unha solución válida para moitas persoas servindo de regulador dun mercado que nas cidades non para de subir os prezos «privando á xente traballadora e sobre todo á mocidade dun dereito básico».

Doutra banda, o grupo tamén insta a un cambio «con celeridade» do modelo privatizador imposto polo PP de Alberto Núñez Feijóo no ámbito asitencial. “Non pode primar o negocio sobre a saúde”, declarou Antón Sánchez, que esixe que “os orzamentos da Xunta de Galicia e os fondos europeos deben de focalizarse no sistema público e non ser un grifo de diñeiro para os fondos voitre que fan negocio á costa da vida das persoas”, nun contexto, ademáis, no que Galiza está por debaixo da media estatal de prazas residenciais e centros de día.

“Trátase de que a utilización dos fondos europeos teña un enfoque social e axuden a reducir desigualdades e que non incidan no modelo neoliberal no que se reparten entre as grandes corporacións como parece que apunta o plan do Goberno galego” -rematou o portavoz nacional de Anova-.


Alberto Núñez Feijóo /  Anova /  Antón Sánchez /  FEGAMP /  Partido Popular /  PP /  vivenda pública /  Xunta de Galicia /