Redacción •  Galicia •  18/07/2025

Persoal de Aludec leva as súas reivindicacións por convenios dignos ás rúas de Pontevedra

A terceira xornada de folga rexistra un seguimento masivo coas cinco plantas sen actividade produtiva.

Persoal de Aludec leva as súas reivindicacións por convenios dignos ás rúas de Pontevedra

Os traballadores e traballadoras de Aludec, empresa auxiliar da automoción, manifestáronse este xoves polas rúa de Pontevedra para reclamar convenios colectivos dignos e rematar coa precariedade laboral que padecen. A mobilización desenvolveuse coincidindo coa terceira xornada de folga convocada pola CIG nos centros de Aludec en Ponte Caldelas e na véspera dunha nova reunión coa empresa.

O secretario nacional da CIG-Industria, Marcos Conde, salientou o masivo seguimento que está a ter esta xornada de folga, que cualificou como “un éxito total, ao conseguir paralizar a actividade nas cinco plantas de Aludec”. Apunta que só entrou traballar persoal de oficinas “que sabemos que non van facer ningunha produción”.

Conde puxo en valor a resposta das traballadoras e traballadores “tendo en conta que é a primeira vez que se convoca folga nesta empresa. O persoal estase decatando da forza que teñen e da súa capacidade de loita para reivindicar e defender unhas condicións de traballo decentes”.

No día de mañá, venres, terá lugar unha nova reunión coa empresa “e agardamos que tome nota do elevado seguimento das folgas e que poidamos avanzar na negociación dun convenio colectivo xusto con salarios dignos”, subliñou.

Baixos salarios e precariedade nunha empresa que é líder

No manifesto lido ao remate da mobilización na Praza da Peregrina, púxose énfase na precariedade que padece o cadro de persoal de Aludec e as discriminacións salariais que se dan entre traballadores e traballadoras das distintas plantas que realizan a mesma actividade.

Denunciaron que o 65% do persoal está no grupo profesional 10 de cotización á Seguridade Social, “é dicir somos peóns”; e ademais existen grupos profesionais no convenio que só reciben determinados complementos se “a persoa está contratada pola propia empresa, pero non se presta servizo mediante un contrato de ETT”.

A este respecto, hai que salientar que a contratación a través de ETT “supera o 30% do total de cadro de persoal en cómputos anuais, tendo en conta que o volume de traballadores/as está no entorno das 900 persoas”.

Xunto a isto, o persoal criticou que non exista un protocolo claro de promoción para poder optar a postos diferentes, nin un plan de formación para poder optar ás promocións. Tampouco hai, en moitas das plantas, un sistema de rotación de postos de traballo para evitar lesións “que despois a mutua non quere recoñecer como enfermidades profesionais”.

Esta “alarmante” precariedade laboral contrasta coa situación económica da empresa que é “líder absoluta na fabricación de elementos decorativos para o automóbil en Europa e ten cifras récord de vendas”. Non obstante, Aludec “é a segunda empresa que menos paga ás persoas traballadoras de todo o sector da automoción no noso país”.

Por todo isto, o persoal entende que esta precariedade debe atallarse xa na actual negociación do convenio e, de non producirse avances mañá, estudaranse novas accións a desenvolver. “Queremos salarios xustos e condicións laborais dignas para todo o colectivo. Demandamos da empresa que non se agoche máis e que atenda as nosas xustas demandas”, concluíron.


convenios /