Comunicado da Executiva do BNG diante do ataque a Irán por parte de Estados Unidos e Israel

A Executiva Nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG) expresa a súa condena ao ataque militar perpetrado polos Estados Unidos e Israel contra Irán. Este novo acto de agresión, que pon en risco a vida da poboación civil e a estabilidade de todo Oriente Medio, supón unha nova vulneración da soberanía dos Pobos, do dereito internacional e da Carta das Nacións Unidas.
Amosamos toda a solidariedade co pobo iraniano e co conxunto dos pobos que sofren o azoute do imperialismo e os seus aliados, reafirmamos o compromiso do BNG coa paz, o desarmamento, a resolución dialogada dos conflitos e o antimilitarismo.
O BNG denuncia que, unha vez máis, o imperialismo recorre á mentira e á manipulación para lexitimar a súa maquinaria de guerra. Como noutras ocasións, EUA e Israel (único pais da área que non asinou o Tratado de Non Proliferación de Armas Nucleares) empregan escusas falsas como a suposta «ameaza inminente», a vulneración de dereitos humanos ou a falta de democracia para xustificar unha agresión que só busca o control dos enormes recursos enerxéticos da zona e o seu control xeoestratéxico.
Este é o mesmo guión xa visto en Iraq, en Libia, en Siria, ou na agresión permanente, ocupación e apartheid contra Palestina:
- Primero, créase unha narrativa mediática baseada en informacións non contrastadas ou directamente fabricadas;
- Despois, impóñense sancións criminais que asfixian á poboación;
- Finalmente, desátase a violencia militar sin ningunha lexitimidade.
A historia repítese, os mesmos que nos venderon a guerra de Iraq coas falsas armas de destrución masiva son os que agora inventan novas ameazas para xustificar os seus bombardeos. O imperialismo non necesita verdades, só necesita escusas para seguir lucrándose coa guerra.
Este bombardeo non é un feito illado, senón que se enmarca nun patrón de actuación sistemática do imperialismo liderado por Washington e os seus aliados. Esta nova agresión contra Irán inscríbese nunha perigosa escalada de violencia sistemática ; en pouco máis dun ano teñen bombardeado case unha ducia de países en catro continentes: Palestina, Venezuela, Siria, Iraq, Irán, Nixeria, Iemen, Somalia, Catar, Líbano, e Tunisia ao que hai que engadir o criminal bloqueo a Cuba. Son o principal foco de desestabilización global e nunha ameaza directa para o multilateralismo e a legalidade internacional.
A estratexia imperialista é a da guerra permanente, o caos e dominación co que busca o control dos recursos estratéxicos e a imposición dos seus intereses xeopolíticos á forza, desprezando a soberanía das nacións e o dereito dos pobos a decidir o seu propio destino. Esta nova agresión vai ter graves e impredicíbeis consecuencias, en primeiro sobre a poboación iraniana, mais tamén na desestabilización de todo Oriente Medio cun risco inminente de guerra aberta, unha nova crise enerxética mundial que pagarán as clases populares, e un golpe definitivo ao dereito internacional, dinamitando calquera posibilidade de diálogo e lexitimando a lei do máis forte.
O BNG fai un chamamento á comunidade internacional, de xeito especial á Unión Europea, ao Estado español e á Xunta de Galiza para que condenen esta agresión militar inxustificada e contraria ao dereito internacional contra Irán e a criminal política imperialista de guerra e inxerencia e a que tomen accións contundentes para esixir o fin da agresión.
O BNG reclama ao Goberno do Estado español que impida o uso de bases militares no Estado español para estas operacións, e que lidere no seo da Unión Europea unha posición firme de condena e de promoción da paz.
