Redacción •  Galicia •  12/12/2025

Congreso avala a maior parte das propostas do BNG para avanzar cara a un sistema de financiamento máis xusto para a Galiza

Mellorar o financiamento na Galiza e o sistema de financiamento local: o pleno do Congreso apoia as demandas do BNG e aposta por un sistema tributario máis xusto.

Os partidos de ámbito estatal prefiren obedecer as directrices de Xénova e Ferraz no canto de defender os intereses da Galiza: o caso do concerto económico defendido polo BNG.

Congreso avala a maior parte das propostas do BNG para avanzar cara a un sistema de financiamento máis xusto para a Galiza

O Bloque Nacionalista Galego consegue que o Congreso dea un paso decisivo na reivindicación dun sistema de financiamento que recoñeza, por fin, a realidade económica, demográfica e territorial da Galiza. Da moción presentada polo deputado do BNG, Néstor Rego, aprobáronse catro dos cinco puntos propostos, destacando a necesidade de reformar o sistema de financiamento para a Galiza e o financiamento local, apostas por un sistema tributario máis xusto, equitativo e redistributivo e efectivizar a quita da débeda conseguida polo BNG.

Reforma dun modelo caducado

O primeiro dos puntos aprobados insta a mudar “o antes posíbel” un sistema de financiamento autonómico caducado e ineficaz, que leva máis dunha década sen actualizarse e que, no caso galego, resulta claramente insuficiente e inxusto, que nin sequera valora de maneira adecuada factores como a dispersión poboacional ou o acusado envellecemento, “que encarecen sobre maneira todos os servizos públicos”.

A bilateralidade e a facenda propia, vetadas polas forzas de obediencia estatal

O único punto rexeitado da moción do BNG é o que reclamaba abrir unha negociación bilateral entre o Goberno español e o Goberno galego para avanzar para un modelo de concerto, en que a Galiza poida recadar todos os seus impostos, exercer plena capacidade fiscal e dotarse dunha facenda propia. PP, PSOE e VOX votaron en contra, mentres que SUMAR optou pola abstención.

Neste sentido, Néstor Rego critica con dureza esta posición, denunciando que “os partidos estatais negan á Galiza aquilo que si apoian noutros territorios do Estado”. A formación nacionalista advirte que tanto populares como socialistas “prefiren obedecer as directrices de Xénova e Ferraz antes que defender os intereses dos galegos e galegas, bloqueando unha ferramenta fundamental para garantir que os recursos xerados no país revertan directamente na sociedade galega”.

Xustiza fiscal e defensa dos servizos públicos

O Congreso tamén apoia o punto da moción do BNG que aposta por un sistema tributario máis xusto, equitativo e redistributivo. Para o BNG, esta decisión supón reforzar a idea de que “quen máis ten deben contribuír máis”, unha condición indispensábel para garantir servizos públicos de calidade, blindar o estado do benestar e combater as desigualdades.

Financiamento local: o PSOE opta por ollar para outro lado

Outro dos puntos aprobados é o relativo á necesaria revisión do financiamento local. A moción do BNG reclama un reparto máis equilibrado e suficiente dos recursos destinados aos concellos, así como garantías para que as entidades locais non continúen asumindo gastos impropios que non lles corresponden.

A formación nacionalista lamenta, con todo, a abstención do PSOE, “incomprensíbel” nun contexto en que os concellos da Galiza —especialmente os máis pequenos— se atopan ao límite das súas capacidades económicas. “É difícil de explicar que o principal partido do Goberno non apoie unha mellora que reclaman alcaldes e alcaldesas de todas as cores políticas” evidencia o deputado do BNG.

Quita da débeda: un avance necesario conseguido polo BNG a pesar da oposición do PP

Por último, tamén sae adiante o punto referente á quita da débeda das comunidades autónomas, unha medida que permitiría liberar recursos e aliviar as contas públicas. O BNG celebrou a aprobación deste apartado, subliñando que a redución da carga da débeda é “un paso imprescindíbel para que a Galiza poida destinar máis fondos a prioridades sociais e económicas”.

O Bloque cualifica como “irresponsábel” o voto en contra do Partido Popular, ao que acusou de “pór por diante o seu cálculo electoral mesmo cando se trata dunha medida beneficiosa para a Galiza, conseguida polo BNG no Acordo de Investidura”.


BNG /