André Abeledo Fernández •  Opinión •  26/09/2022

Loitando contra o espolio macroeólico da Galiza

Acudin a manifestación contra a depredación eólica do oligopolio das multinacionais da enerxía ,na Coruña, porque esta loita é de todas e todos, tratase da defensa do futuro da Galiza, dos nosos fillos, do que queremos ser hoxe e o día de mañá como nazón.

A Veciñanza Anca Afectada polo macropoxecto do Parque Eólico de Caaveiro xuntamos cartos para poñer un autobús, como xa fixeramos para ir a Santiago de Compostela.

Nesa manifestación repetimos consignas de denuncia e de loita:

 ‘Montañas sagradas, aldeas habitadas’, 

‘O Capital bótanos do rural’, 

‘Non, non, non a esta invasión; non, non, non á colonización’, 

«Que nos escoiten, queremos vivo o monte»
 
‘Non ao espolio do noso patrimonio’ , 

‘ Non queremos muíños diante dos fuciños’.

«Aldeas vivas e non destruidas»

«Tanta avarícia acaba coa Galiza»

«Queren expulsar a xente do rural»

«As cidades e o rural contra o espolio do capital».

Nós somos un grupo de veciños autoorganizados para defender a nosa terra, a nosa parroquia, o noso xeito de vida, dos abusos e do espolio das multinacionais.

Nos autoorganizados en vista da pasividade dos nosos representantes políticos, a sua inacción, ou no peor dos casos da súa traizón.

O goberno «progre» de Madrid e o goberno «facha» de Galiza, teñen unha cousa en común, están ao servizo das multinacionais eléctricas, van a vender o presente e o futuro do rural galego ao mellor postor, en nome dun falso progreso.

Botarlle a culpa de todo a Putin e a guerra da Ucraína é agora o argumento fácil de moda, é un argumento que vale para todo, tamén para xustificar o espolio da Galiza.

Esta traizón ao rural galego, esta traizón a Galiza e a todo o pobo galego non sería posíbel sen complices nos Concellos, precisa de Alcaldes dispostas a vender o futuro dos seus veciños.

Agora tamén ademais de sentir a ameaza podemos vela dende as nosas casas.

Os que vivimos en San Sadurniño e Neda podemos ver cómo se ergue nun dos nosos montes unha torreta de medición de vento relacionada co proxecto do Parque Eólico Caaveiro que a eléctrica ENEL Green Power pretende instalar en terreos de ambos municipios e tamén de Fene e Cabanas, cunha potencia de 78 MW e 15 muíños de unha altura aproximada de 200 metros, máis do doble que a catedral de Santiago.

Esta ameaza xa visible debemos facer reaxir, porque van en serio, as nosas vidas, o rural galego, a veciñanza e o futuro da Galiza a esta xente importalles un carallo.

Pero nos temos a obriga de defender o noso, e aos nosos.

EÓLICOS AQUÍ NON!.


Opinión /