Opinión •  21/03/2017

Qué está pasando coas pensións?

As Marchas da Dignidade, co seu coñecido lema “Pan, Traballo e Teito”, volveron saír á rúa este 25 de febreiro ás 12 en diferentes puntos de España. A cidade da Coruña acolleu esta iniciativa saíndo en dúas columnas que confluíron na Praza de Ourense para rematar a súa marcha nos Xardíns de Méndez Núñez. O lema desta volta foi “En Defensa das Pensións”.

Pero, por qué este lema, e por qué poñer esta vez o foco nas pensións e os servizos públicos?

Ó contrario do pretendido por certos sectores económicos, as retribucións por xubilación e os servizos públicos non son un privilexio, senón un dereito: un dereito básico e o reflexo dun Estado social avanzado. Sen embargo, o sistema capitalista a través dos seus recortes coa escusa da crise económica, está empeñado en trocalos en privilexios, co evidente interese de eliminalos completamente nun futuro. Pouco a pouco, están destruíndo un sistema que aseguraba a vida na terceira idade, para incentivar o negocio dos plans de pensións privados e afondando así nas diferenzas sociais.

A paulatina conversión das pensións públicas como servizo social en pensións privadas como negocio é outro exemplo máis da destrución do Estado social e de dereito que busca o capitalismo financieiro. Para os grandes poderes económicos este tipo de rendas, ó igual que os servizos públicos, “sobran”: son un “gasto innecesario”; non en van temos oído varias veces nos medios frases como que “os vellos viven demasiado sen producir nada” ou, máis directamente, “eu non quero estar obrigada a pagarlle os vicios ós anciáns” (frase literal de tertulia televisiva mañaneira).

A máxima neoliberal de que “os servizos que se os pague cada quen” reflicte un xeito de pensar cada vez máis frecuente en moitos ámbitos da poboación. En paralelo ó gradual adelgazamento do Estado, ponse de moda a defensa dunha especie de “xustiza” retorcida na que os gastos de cada cidadán son responsabilidade del mesmo, incluíndo o necesario e inevitable como a sanidade ou as necesidades vitais nunha idade na que non se pode físicamente traballar, e na teima de que quen non ten cartos suficientes para pagar estes servizos é o propio culpable da súa precariedade vital (a eterna estampa falsa do “vago” que pretende vivir do Estado, estendida de repente aos membros máis febles da cidadanía).

Esta sorte de sociopatía colectiva non só choca de pleno co concepto de solidariedade que vertebra os Estados contemporáneos occidentais, senón que tamén xurde dunha mentira básica: que a xente nova está a pagar o retiro dos anciáns, cando foron eles cos seus impostos durante os seus anos de vida laboral (en milleiros de casos, máis de corenta) os que invertiran xa o necesario en asegurar a súa vida na senectude. Por iso, cando o Goberno anuncia a retirada de grandes cantidades de cartos da denominada “hucha das pensións” para rescatar bancos ou pagar débedas europeas, a indignación crece tanto nos maiores afectados como en todos os membros con alma da sociedade.

Asemade, para non rematar de golpe coas pensións (coa revolta social xeneralizada que tal decisión podería provocar), o truco do Estado é non facer o correcto axuste anual delas respecto á inflación e á suba do prezo da vida, subíndoas só un 0’25% e facendo que os pensionistas perdan, de media, uns 650€/ano, cando a media actual destas retribucións no pasado 2016 segundo o Ministerio de Empleo apenas chegaba ós 900€/mes (760€/mes en Galicia), sabendo portanto que boa parte dos nosos avós non alcanza dita cifra e que hai moitos casos nos que a prestación chega a ser inferior aos 400€/mes; neste sentido o teñen aínda peor a metade (ou maioría, por esperanza de vida) feminina, cuxa meirande parte como sabemos pasou a súa vida facendo ese enorme traballo non recoñecido de coidados denominado coloquialmente como “ama de casa”. Así, os nosos maiores ven cada vez máis difícil enfrontarse cos gastos da vida cotiá e chegar a fin de mes, nun momento no que, precisamente, moitas familias e desempregados vense obrigados a ser mantidos xustamente por estes pensionistas. A esta intolerable situación únense os tremendos recortes na sanidade pública entre outros servizos sociais, unha sanidade precisamente máis necesaria na terceira idade.

E non só por defender o presente, senón pensando xa no noso futuro, unha gran porcentaxe da cidadanía activa debemos saír á rúa a protestar e berrar ben alto e a recordarlles aos poderes fácticos que as pensións por xubilación non son un “luxo de quen non produce”, senón un dereito que eles mesmos xa pagaron no pasado, unha necesidade básica que ningún Estado moderno pode permitir, de ningún xeito, reducir, conxelar ou eliminar.

Porque son eles, e seremos nós.

 

A Coruña, 25 de Febreiro de 2017

Aurora Paz Viruet


Opinión /